Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO esixe resolver a deshumanización constante da sanidade galega, consecuencia da falta de investimento en medios e en persoal por parte da Xunta de Galicia

    Ninguén pode poñer en dúbida que estamos a ser azoutados pola maior crise sanitaria dos últimos tempos, cun grande impacto na mortaldade, pois pouco queda para alcanzar a dramática cifra de 3000 persoas falecidas en Galicia como consecuencia da covid.

    18/01/2022.
    Tests de antíxenos | Foto: Pixabay

    Tests de antíxenos | Foto: Pixabay

    Desde marzo de 2020, conforme transcorrían os días, semanas e meses, iámonos decatando de que o noso sistema sanitario non estaba abondo capacitado e que sufririamos as consecuencias desa incapacidade. E así foi: colápsanse os hospitais, paralízanse as intervencións cirúrxicas programadas, os nosos maiores desatendidos e cruzando os dedos nas súas residencias para que non lles tocase a eles, os profesionais sanitarios superados, esgotados, presionados e pouco valorados pola Administración.

    Estamos de acordo en que nunca se está suficientemente preparado para afrontar unha crise desta envergadura, pero tamén temos claro que se a Xunta de Galicia apostase por unhas políticas de protección social robustas e con orzamentos suficientes para investir nas necesarias infraestruturas e persoal, agora a situación sería ben distinta.

    NON TODO VALE: PRIVATIZAR A SANIDADE TEN AS SÚAS CONSECUENCIAS

    A situación vaise volvendo insostible desde o momento en que a atención primaria deixa de ser presencial e pasa a ser telefónica. Se tivemos moita sorte, igual fomos atendidos no momento en que o necesitabamos. Pero xa a pinga que rebordou o vaso da desatención e deshumanización do sistema sanitario galego foi a rocambolesca decisión de que sexamos nós mesmos os que realicemos as probas diagnósticas necesarias e decidamos se debemos coller unha baixa laboral ou non.

    Como medida estrela proponse recuperar facultativos que están xa xubilados. Resulta lamentable que se teñan que tomar este tipo de medidas, é unha proba máis de que non se aposta pola sanidade pública e universal, pois existe infinidade de persoal sanitario que, por non ter un futuro claro, está a desenvolver as súas carreiras profesionais por todo o continente.

    Escoitamos en moitas ocasións que disto iamos saír, que sairiamos reforzados porque nos dabamos conta de que o importante e urxente é apostar por unha sanidade pública. Desde CCOO esiximos que así sexa, pero parece que os que deben decidir non o teñen claro.