Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Abril 2024.

Traballas no sector de conservas de peixe? O 21 de xaneiro e o 3 e 4 de febreiro, convocamos FOLGA

    A patronal desaproveitou as oportunidades para evitar a folga no sector de conservas de peixe. Explicámosche as nosas propostas AQUÍ. Mobilízate, de ti depende #PescarDereitos.

    16/01/2022.
    Folga sector conservas de peixe.

    Folga sector conservas de peixe.

    A patronal do sector de conservas de peixe segue negando a maior. Di que se cobran salarios xustos, que non existe fenda nin discriminación salarial contra as mulleres, que non se necesitan máis medidas nin permisos para conciliar e que non hai abuso ou fraude da temporalidade. 

    En CCOO levamos tempo demostrando que é todo o contrario. As condicións salariais da industria do peixe son, de media, un 25 % inferiores ás da industria alimentaria da que forma parte. O convenio estatal de conservas de peixe é o máis baixo, xunto co de elaborados do mar. A fenda salarial é do 30 % e os postos de produción que ocupan maioritariamente as mulleres están infravalorados, simple e cruamente porque o realizan elas e non eles. Canto ao emprego, só o 50 % ten un contrato indefinido, un 30 % teno temporal e un 20 % é fixo descontinuo. 

    En definitiva, CCOO irá á folga porque esta patronal (ANFACO-FEICOPESCA) se nega a atender as nosas reivindicacións de incremento salarial con cláusula anual ao IPC; a equiparación salarial do grupo 5, onde están as mulleres, coas do grupo 6, onde están os homes; corrixir a temporalidade, crear unha bolsa de horas para cita médica e cambiar o actual sistema de clasificación profesional discriminatorio, no que o ordenanza gaña máis que as categoría máis alta e cualificada de produción que é a de mestra, entre outras cuestións.

    A folga afectará a máis de 30.000 persoas e 700 empresas, asentadas principalmente en Galicia e Cantabria, pero tamén repartidas de forma desigual polo resto do país.