Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Abril 2024.

Agora si. Gañamos dereitos.

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia valora positivamente o acordo de recuperación e ganancia de dereitos alcanzado co Goberno, UGT e as organizacións empresariais

    23/12/2021.
    AGORA SI GAÑAMOS

    AGORA SI GAÑAMOS

    Das seis reformas laborais acometidas no século XXI, só unha foi por consenso (a de 2006), mentres que outras tres (2002, 2010 e 2012) motivaron a convocatoria de folga xeral por parte das organizacións sindicais. Esta ollada retrospectiva dá valor ao acordo alcanzado e tamén ao feito que sexa o primeiro en décadas que sexa de carácter tripartito.

    Atopámonos ante un acordo resultado da firmeza e a constancia. Firmeza e constancia fronte á imposición unilateral do 2012 dunha normativa que desequilibrou a regulación laboral de forma radical en contra das persoas traballadoras. Pero tamén visión, porque se procurou o acordo co fin de poder dar unha estabilidade xurídica aos dereitos dos traballadores e traballadoras. Por primeira vez en democracia, acométese unha modificación do calado que supón este acordo, non a favor das pretensións da empresa, senón da clase traballadora. Aquí recuperamos dereitos.

    CCOO, xunto a UGT, tiñamos tres grandes obxectivos: a recuperación da negociación colectiva, a loita contra a temporalidade e avanzar na estabilidade no emprego. Nestes tres ámbitos, os avances son claros. 

    Restablecemento da ultraactividade dos convenios

    Recupérase o equilibrio na negociación colectiva, co restablecemento da ultraactividade dos convenios, conquístanse dereitos e ponse no seu sitio o convenio de empresa, impedíndolle a regulación a peor de aspectos clave como o salario ou a xornada. Esta garantía de futuro da ultraactividade dos convenios reforza cláusulas que xa incorporaban neste ano o 90% dos convenios asinados en Galicia, e permite que no futuro este aspecto quede protexido por lei.

    Acábase coa prioridade de convenio de empresa en material salarial para dar cabo do mecanismo de desvalorización salarial instaurado pola Reforma do RDL 3/2012, garantindo os dereitos das persoas traballadoras e impedindo a regulación a peor de aspectos clave como o salario ou a xornada. Os convenios de empresa son o 82% dos existentes en Galicia. Ao redor de 100.000 (case un 20%) dos 493.689 traballadores e traballadoras cubertas pola negociación colectiva en Galicia en 2021. 

    Vólvese a unha negociación colectiva articulada, coa definición normativa do ámbito de negociación colectiva estatal, territorial e de empresa, e garántese que a externalización a través da subcontratación se someta laboralmente ao convenio de referencia da actividade desenvolvida (con independencia do obxecto social e forma xurídica da empresa), o que supón un importante golpe a fenómenos precarizadores como as empresas multiservizos.

    Limitación da contratación temporal

    No referente á contratación, fortalécese a figura do contrato indefinido e adóptanse medidas limitadoras da contratación temporal: concrétase a causalidade desta, simplifícase e acóutase a contratación temporal; desaparece o contrato de obra e servizos, restando só dous contratos temporais (un por causas estruturais e o formativo).

    O contrato estrutural terá dúas posibles causas: a de circunstancias excepcionais da produción e a substitución temporal dun traballador ou traballadora. O máximo de duración dun contrato temporal pasa de catro anos a 12 meses. O contrato por circunstancias da produción será dun máximo de 6 meses, ampliable a 12 por convenio, coa posibilidade de facerse por 90 días para actividades estacionais previsibles (previa planificación, notificación á representación sindical no ano anterior, e sen posibilidade de encadeamento consecutiva).

    Polo demais, a temporalidade considerarase vínculo laboral indefinido cando se acumule un máximo de 18 meses de traballo en 24 meses totais (antes era 24 en 30) e o incumprimento da normativa da contratación laboral fará que a persoa traballadora sexa considerada indefinida. Co fin de garantir o cumprimento da Lei, efectúase unha modificación esencial: a infracción compútase por cada persoa afectada, o que aumenta de forma significativa o poder disuasorio da sanción administrativa promocionada pola Inspección de Traballo e Seguridade Social.

    Se omitimos o ano 2020 —cuxos datos distorsionarían a análise, por ser un ano anómalo polo contexto pandémico—, en Galicia fanse sobre un millón de contratos temporais cada ano, dos que aproximadamente 300.000 son de obra e 500.000 eventuais por circunstancias da produción. En relación á situación laboral galega na actualidade, temos ao redor de 1,03 millóns de ocupados (datos da Seguridade Social) ou 0,9 (EPA), dos cales case o 26% son temporais.

    En virtude destes dous aspectos do acordo (ultraactividade e temporalidade) 100.000 traballadores e traballadoras en Galicia con convenio empresa e máis de 200.000 con contratos temporais poderían verse beneficiados co acordo alcanzado hoxe no diálogo social estatal.

    Incorpórase o ERTE ao Estatuto dos traballadores e traballadoras

    No terceiro ámbito da negociación, o dos mecanismos de axuste, incorpóranse ao Estatuto dos Traballadores os acordos e prácticas dos ERTE feitos en durante a pandemia, coa intención de priorizar estes mecanismos en detrimento de os despedimentos colectivos, incorporando a realización de accións formativas e beneficios para as empresas e persoas desempregadas (vinculadas sempre ao mantemento do emprego). De forma significativa, tamén, desaparece a posibilidade de acometer despedimentos obxectivos colectivos nas administracións públicas. 

    Aínda que non se concretan as cifras (a pesar da insistencia sindical), o acordo tamén prevé a ampliación en persoas e medios da Inspección de Traballo.

    Sen dúbida, quedan cuestións pendentes porque non foron abordadas nesta fase da negociación. Pero o acordo merece unha valoración moi positiva, desde o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, sen deixar de afirmar a nosa vontade de seguir avanzando no marco do diálogo social para consolidar plenamente un emprego con dereitos e de calidade no noso país.