Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

CCOO amosa o seu apoio ao sector gandeiro galego

    A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Amelia Pérez, xunta o seu homólogo da UGT, José Antonio Gómez, reuníronse esta mañá cunha delegación de Unións Agrarias (UUAA) encabezada polo secretario xeral desta organización, Roberto García. No encontro, CCOO amosou o seu apoio ao sector gandeiro galego ante a difícil situación que está a padecer por mor da actitude dos principais grupos industriais lácteos que operan no país (CLA e Lactalis, que controlan o 40 % do mercado).

    13/12/2021.
    Na reunión, a secretaria xeral de CCOO expresoulle a Unións Agrarias o apoio do sindicato ás reivindicacións das gandeiras e gandeiros galegos

    Na reunión, a secretaria xeral de CCOO expresoulle a Unións Agrarias o apoio do sindicato ás reivindicacións das gandeiras e gandeiros galegos

    Segundo informou UUAA, Galicia concentra o 55 % das explotacións lácteas do Estado e o 40 % da produción de leite. Malia este notable peso e a incuestionable calidade do produto, o prezo pagado en orixe é moi inferior ao que as mesmas empresas aboan noutras comunidades autónomas.

    CCOO coincide con UUAA en que é inaceptable que a suba de prezos nos establecementos comerciais, que aumentan a marxe de beneficio das industrias, non se traduza nun prezo xusto para as gandeiras e gandeiros galegos, cun marco de prezos que data do mes de abril e non ten en conta a inflación dos últimos meses.

    Aos baixos prezos súmase o incremento dos custos de produción (entre outros, da electricidade, dos fertilizantes, do gasóleo ou dos plásticos de uso agrícola), o que deixa o sector nunha situación moi delicada.

    A secretaria xeral de CCOO expresou a súa solidariedade coas traballadoras e traballadores do agro, pois teñen «dereito a unha vida digna e a vivir do froito do seu esforzo» e criticou que as políticas de determinadas empresas as obriguen a vender a perdas, incumprindo o estipulado na Lei da cadea alimentaria.