Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

Zara toma represalias contra o persoal da tenda de Pontevedra tras perder unha sentenza sobre conciliación

    Comisións Obreiras (CCOO) denuncia que Zara toma represalias contra o persoal da súa tenda de Pontevedra tras perder unha sentenza en materia de conciliación. En concreto, tratábase dunha demanda de concreción horaria, o dereito a reorganizar horarios para adecuar a vida laboral coa familiar. Como reacción a este revés xudicial, a resposta da empresa é a imposición do cambio de horarios a oito traballadoras dun total de cincuenta.

    18/11/2021.
    Zara toma represalias contra o persoal da tenda de Pontevedra

    Zara toma represalias contra o persoal da tenda de Pontevedra

    «A medida só afecta ás dependentas e a ningún responsable ou mando intermedio», puntualizan desde Comisións. «Non imos consentir que, polo feito de perder unha sentenza, a dirección queira prexudicar a todo o persoal e meterlle medo para que deixe de defender os seus dereitos», incide o sindicato.

    Desde CCOO lembran que calquera traballador ou traballadora ten dereito a modificar a súa xornada para poder conciliar a vida laboral coa familiar —concreción horaria—, sempre que non haxa causas organizativas que o impidan.

    Malia ser un dereito regulado por lei, Zara mantén unha «actitude ditatorial», rexeitando por sistema as peticións favorables á conciliación e obrigando a acudir á vía xudicial, como foi neste caso.

    «Chove sobre mollado»

    Na tenda de Zara en Pontevedra «chove sobre mollado» —advirten desde CCOO—, pois padecen outros problemas ademais da xudicialización das relacións laborais, como a sobrecarga de traballo. A empresa amortizou nos últimos tempos catro postos de traballo a xornada completa que sumaban 160 horas semanais. Ao non haber novas contratacións, as tarefas foron redistribuídas entre o resto do persoal, que maiormente son mulleres con contratos de xornada parcial.