Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Abril 2024.

A comarca da Mariña apoia masivamente a folga en defensa do seu futuro

    Éxito rotundo da folga xeral convocada hoxe para esixir «Futuro para A Mariña». O seguimento foi practicamente absoluto e só funcionaron os servizos mínimos. Burela acolleu a manifestación comarcal, que encabezaron a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, e os seus homólogos de UGT e CIG, xunto cos reponsables comarcais.

    17/11/2021.

    URL | Código para insertar

    A resposta da comarca ante a constante deterioración

    No verán do 2020 xa se apuntara a posibilidade de convocar unha folga comarcal, descartada pola situación sanitaria. Porén, neste ano e medio a situación non parou de deteriorarse, ata o punto de que «a pobreza, a desertización industrial e o despoboamento da nosa comarca poden ser imparables».

    Neste tempo non se executaron as infraestruturas demandadas pola comarca, non se solucionou o conflito de Alcoa, Vestas presentou un ERE extintivo, houbo unha cuantiosa perda de servizos —bancarios, da Seguridade Social, de Facenda ou o SMAC—, o ferrocarril está en decadencia e vai a máis o desmantelamento do Hospital da Costa.

    Por riba, na última semana fíxose público que os orzamentos estatais soamente prevén unha partida de cen mil euros para cada tramo da A-74 —igual ca o ano pasado—. Pola súa parte, os galegos non conteñen nada referido á comarca e o PP rexeitou no Parlamento as mocións do PSdeG e do BNG que pedían a reindustrialización da Mariña.

    Os responsables de CCOO, UGT e CIG —María José Novoa, Diego Ballesteros e Xorxe Caldeiro, respectivamente— piden a participación de toda a veciñanza. «Sabemos que é un sacrificio, nunca é doado pechar, pero sempre será máis doado pechar un día por unha loita xusta que ter que botar o peche definitivo», conclúen.