Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

A acción xurídica de CCOO segue gañando dereitos para as traballadoras galegas

    Comisións Obreiras (CCOO) informa de que a súa asesoría xurídica de Santiago-Barbanza, a través da dirección técnica da graduada social Matilde Mallo Nieves, gañou recentemente no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) unha sentenza en que lle recoñece a unha traballadora o dereito a que se teña en conta o nacemento dun fillo morto á hora de calcular a pensión de xubilación.

    11/11/2021.
    A discriminación das mulleres por seren traballadoras e nais prodúcese xa desde o momento do embarazo, con independencia de se chega a bo termo ou non, sinala a sentenza do TSXG

    A discriminación das mulleres por seren traballadoras e nais prodúcese xa desde o momento do embarazo, con independencia de se chega a bo termo ou non, sinala a sentenza do TSXG

    A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, salienta a importancia desta vitoria xudicial, pois a «discriminación» das mulleres por seren traballadoras e nais «prodúcese xa desde o momento do embarazo, con independencia de se chega a bo termo ou non».

    Para a secretaria xeral de CCOO é unha sentenza «pioneira», froito da acción xurídica do sindicato para seguir gañando dereitos para a clase traballadora e, neste caso, para as mulleres galegas. Malia que non é definitiva —cabe recurso perante o Supremo—, a resolución xudicial «pon de manifesto a necesidade de corrixir a discriminación das mulleres no seu acceso á xubilación».

    O TSXG asume os criterios de CCOO e sinala que o complemento por maternidade das pensións contributivas está concibido como unha medida específica «en favor das mulleres para corrixir situacións patentes de desigualdade de feito respecto dos homes», especialmente no caso das que tiveron máis dun fillo ou filla.

    Por esta razón, o alto tribunal galego coida que se debe recoñecer o fillo nacido morto e, polo tanto, aplicar o dito complemento no cálculo da pensión de xubilación desta traballadora e rexeita o recurso presentado pola Seguridade Social —a través do INSS e da TXSS.

    Para o TSXG, a interpretación en sentido restritivo sería «tanto como xustificar un impacto adverso sobre as mulleres, á vez que suporía unha interpretación contra a conciliación que prexudicaría as persoas traballadoras que concilian», conclúe a sentenza.

    Outra novidade

    A sentenza gañada polos servizos xurídicos de CCOO tamén inclúe outra novidade: recoñece que o beneficio por coidado de fillo ou filla se debe xerar por todos os nacidos entre a interrupción da carreira de seguro —dentro dos nove meses anteriores ao nacemento do primeiro fillo ou filla— e os seis anos posteriores, e non unicamente polo primeiro descendente e nese período, como calculaba a Seguridade Social —tamén no caso da denunciante.

    CCOO anima a revisar as prestacións

    Desde CCOO animan as traballadoras que poidan estar nunha situación similar a que acudan ao sindicato para obteren o asesoramento necesario de cara a unha posible revisión das súas pensións de xubilación, ben sexa por que non se ponderaron axeitadamente todos os condicionantes, ben sexa por posibles erros de interpretación da Seguridade Social.