Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Pensionistas de CCOO volveron mobilizarse en defensa dunha atención primaria de calidade e accesible ás persoas maiores

    Pensionistas de CCOO volveron mobilizarse nos últimos días en defensa dunha atención primaria de calidade e accesible ás persoas maiores. Tamén fixeron un chamamento a participar na manifestación nacional que convoca para o domingo, día 14, a plataforma SOS Sanidade Pública, da que forma parte o sindicato.

    09/11/2021.

    URL | Código para insertar

    A atención primaria sofre desde hai anos un proceso de deterioración e abandono debido ás políticas de axustes e privatización do PP, que se agravou coa crise económica do 2008 e coas decisións erradas da Xunta de Galicia. A degradación, porén, foi a máis como consecuencia da pandemia.

    Desde a Federación de Pensionistas e Xubilados (FPX-CCOO) levan semanas cunha campaña de mobilización reclamando a reversión dos recortes que lastran «a principal porta de acceso á sanidade pública», que é a atención primaria. Tamén esixen medidas para que sexa máis accesible para as persoas maiores, «que non sempre teñen medios ou capacidades para as xestións telemáticas».

    Entre outras medidas, a FPX-CCOO pide o aumento do orzamento destinado á sanidade pública, paralizar o peche de centros e a reapertura dos que foron pechados, recuperar a accesibilidade e a atención presencial, restablecer a capacidade dos centros de saúde (respectando os protocolos covid) ou reforzar a atención primaria con novas categorías profesionais para descargar a medicina de familia.

    Para restablecer unha atención primaria de calidade, universal e accesible para as persoas maiores, a FPX-CCOO esixe:

    — Incrementar o orzamento sanitario público ata acadar o 25 % nun prazo de cinco anos. Este orzamento debe ser finalista para que non se desvíe a outras partidas.

    — Paralizar o peche de centros de saúde e reabrir os pechados en horarios de mañá e tarde.

    — Recuperar a accesibilidade e a atención presencial nos centros de saúde como única medida que garante ao acceso á atención sanitaria á poboación en igualdade de condicións.

    — Restablecer a capacidade dos centros de saúde, respectando os correspondentes protocolos covid establecidos.

    — Reforzar a atención primaria coa incorporación de novas categorías profesionais para satisfacer unha boa parte da demanda asistencial que na actualidade recae, irracionalmente, sobre a medicina de familia (logopedia, podoloxía, nutrición, xeriatría, etc.).

    — Orientar a actividade da atención primaria á promoción, prevención, rehabilitación, actividades comunitarias dirixidas a actuar sobre os determinantes da saúde.