Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Vítimas do amianto esixen en Ferrol a constitución do fondo de compensación

    O xoves tivo lugar unha concentración á porta do estaleiro Navantia-Ferrol para esixir a constitución do fondo de compensación ás vítimas do amianto. Este material, usado durante décadas no sector naval, é causante de diversas doenzas, entre elas algúns tipos de cancro.

    05/11/2021.
    Concentración diante de Navantia-Ferrol para esixir un fondo de compensación ás vítimas do amianto

    Concentración diante de Navantia-Ferrol para esixir un fondo de compensación ás vítimas do amianto

    A concentración convocouna Agavida e contou co apoio do comité intercentros de Navantia, empresa onde as doenzas causadas polo amianto custaron numerosas vidas nas últimas décadas.

    «Nos estaleiros, practicamente todo ía forrado con este mineral», lembran desde o comité. O uso do amianto —tamén chamado asbesto— foi prohibido no 2002, pero as doenzas que causa poden tardar décadas en amosar síntomas.

    «Por incrible que pareza, non todo o mundo ignoraba que estabamos deixando a vida literalmente no traballo», denuncia o comité de Navantia. «Os gobernos, as inspeccións de traballo, os servizos sanitarios e a patronal coñecían os efectos desde moito antes da prohibición», lamenta.

    De feito, tamén sinalan o risco para as familias dos traballadores e traballadoras expostos durante anos a este material, pois as fibras despréndense facilmente e acaban sendo inhaladas: «Na roupa de traballo transportabamos a morte para os nosos fogares», explican.

    Desde hai anos, países como Francia, Holanda ou Bélxica crearon fondos de compensación que amparan as persoas afectadas polo amianto e ademais recoñecen os riscos inherentes deste canceríxeno. Porén, o Estado español segue sen crear o fondo de compensación —que CCOO leva anos demandando—. «É indignante que o Goberno siga ignorando as vítimas», conclúe o comité.