Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

A suba do paro e un novo aumento dos ERTE non vinculados á covid revelan problemas de fondo na economía galega

  • Segundo CCOO, os problemas do tecido produtivo galego van máis aló do impacto da pandemia

Este mércores publícanse os datos do paro rexistrado, que indican unha lixeira suba do desemprego (0,65 %) así como un notable incremento dos ERTE ETOP (6 %) —non vinculados á pandemia, senón a causas técnicas, organizativas ou de produción—; revelan problemas de fondo da economía galega sobre os que debe actuar a Xunta. A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, amosa a súa preocupación por este último dato, pois é o segundo mes consecutivo en que se produce esta suba.

03/11/2021.
Oficina do Servizo Público de Emprego

Oficina do Servizo Público de Emprego

Ao remate de outubro, o paro rexistrado medrou en Galicia en 991 persoas (+0,65 %), mentres que no Estado houbo unha leve diminución (-0,02 %). En Galicia había no mes de outubro 154 045 persoas desempregadas, un 15,06 % menos ca no mesmo mes do ano anterior.

Tamén hai sombras nos datos relacionados coa afiliación á Seguridade Social. No último día de outubro medrou en 8141 persoas ata situarse en 1 034 025 afiliados e afiliadas (+0,8 %). Porén, atendendo á variación da media mensual, esta recolle unha baixada de -1578 persoas, ou o que é o mesmo, un -0,15 % que contrasta co +0,82 estatal. En calquera dos casos, a afiliación sitúase por riba do 1 030 000 persoas afiliadas.

Para CCOO, non son bos datos nin a suba do desemprego nin a redución da afiliación en datos de media mensual. «Haberá que esperar aos datos do próximo mes para ver se consolida o incremento da ocupación dos últimos días do mes», sinala Bouza. No conxunto do Estado, a afiliación medra en ambos os casos e por riba da media galega.

Tampouco son bos datos os referentes á calidade do emprego, pexada pola precariedade. Dos 89 209 contratos rexistrados no último mes, 81 296 foron temporais.

Tendo en conta estes factores, desde CCOO considérase que os datos do paro rexistrado de outubro non son bos para Galicia «e poñen en evidencia que os problemas do noso tecido produtivo van mais alá do impacto conxuntural da crise pandémica», sinala a secretaria de Emprego do sindicato.

Unha vez máis, CCOO insta a Xunta de Galicia a atender os problemas que padecen as galegas e os galegos por mor da falta de emprego. «Sen emprego, non hai proxecto de vida nin protección social, porque a mellor garantía social é ter traballo», sinala Bouza. «Cos nosos sectores produtivos básicos en perigo, con comarcas enteiras en crise e un Goberno que carece de modelo de desenvolvemento alternativo á transición enerxética e dixital, os datos de hoxe corren risco de empeorar no que resta de ano», advirte a sindicalista.

Para CCOO, Galicia precisa dun modelo alternativo de desenvolvemento orientado a actividades de maior valor engadido, diversificado, que potencie a industria e cumpra criterios medioambientais de economía circular. «Non podemos permitirnos desperdiciar os recursos adicionais que teñen os orzamentos de 2022 e que Galicia quede no furgón de cola das comunidades autónomas na saída da crise derivada da covid», conclúe Bouza.

Análise por sexos e sectores

No mes de outubro, o desemprego medra en 991 persoas, nesta ocasión máis entre os homes (+1281) ca entre as mulleres (-290). Esta mellor evolución do emprego feminino non impide que as galegas soporten a maioría do desemprego galego (58,6 % do total). O paro medra nas persoas de menos idade (+536) e tamén nas maiores (+455). 

O paro aumenta no sector primario (+404) e nos servizos (+240); pola contra, diminúe case de maneira testemuñal na industria (-24) e na construción (-75). No colectivo sen emprego anterior tamén medra (+446). 

Análise da contratación e da afiliación

En outubro rexistráronse en Galicia 89 209 contratos (7409 menos que en setembro), dos cales 81 296 foron temporais; isto é, tan só un de cada dez contratos foron indefinidos. 

Canto á Seguridade Social, a afiliación media mensual diminúe en 1578 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 032 651. Deste total, 803 072 corresponden ao réxime xeral, 209 200 ao de autónomos e 20 379 ao especial do mar, que é o único que aumenta en afiliación (+297).

Se a comparativa a facemos cos datos do último día de mes, a afiliación medra en 8141 persoas ata situarse en 1 0340 25 afiliados e afiliadas, rexistrando un incremento do 0,8 % respecto de setembro.

Prestacións por desemprego

En setembro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 84 491 persoas. Destas, 37 555 foron prestacións contributivas e 46 936 subsidios.

Das 37 555 prestacións contributivas, 13 402 seguen correspondendo ao mecanismo dos ERTE, que ao remate de outubro daban cobertura a 8431 persoas (-1411). Por tipoloxía de expediente, 2158 ETOP (+120), 1967 de forza maior (-687) e 4306 nos de limitación ou impedimento (-1051 menos). Do total de persoas afectadas, 3796 son homes e 4635 mulleres. Atendendo á súa xornada, 29 492 a tempo parcial e 5482 completa.