Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO destaca o papel da economía social na reincorporación ao mundo laboral

    A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, participou esta semana na xornada de economía social organizada polo Consello Económico e Social (CES) de Galicia. Neste foro, a responsable sindical puxo en valor o papel da economía social na reincorporación laboral e cualificouna de «resposta eficaz» fronte ao desemprego.

    20/10/2021.
    Intervención da secretaria de Emprego de CCOO na xornada organizada polo CES

    Intervención da secretaria de Emprego de CCOO na xornada organizada polo CES

    Segundo Bouza, este tipo de empresas «antepoñen o interese das persoas traballadoras a outros calquera», tentando conxugar con rendibilidade un proxecto social e a conservación de postos de traballo.

    A economía social «foi a porta de reingreso á actividade laboral» dun bo número de traballadores e traballadoras. Mediante fórmulas diferentes —como sociedades laborais ou cooperativas—, «loitaron pola supervivencia das súas empresas cando os patróns practicamente as liquidaran», expuxo a secretaria de Emprego de CCOO.

    As empresas de economía social convertéronse «nunha resposta eficaz ao desemprego», nun medio para acceder ao mercado de traballo e, polo tanto, «nun factor de creación de emprego e riqueza», salientou a sindicalista.

    As sociedades laborais

    A exposición da secretaria de Emprego de CCOO centrouse especialmente nas sociedades laborais xurdidas de empresas en crise. Esta fórmula ten orixe na década dos oitenta e naceron como resposta á crise económica daquel período, posibilitando que moitas pequenas e medianas empresas seguiran funcionando e mantiveran o emprego dos seus traballadores e traballadoras.

    A lexislación foi mudando para facilitar a creación deste tipo de empresas. Non obstante, os datos «parecen indicar que non se acadou ese obxectivo», sinalou Bouza.

    Entre os principais problemas están a ausencia dun réxime fiscal propio, o cambio aplicado sobre o pagamento único da prestación para quen a achega a un proxecto laboral no que autoempregarse, os atrancos derivados da propia trasmisión da empresa —aínda máis en procesos concursais— ou a falta de formación no tocante á dirección dunha empresa.

    Por este motivo, a secretaria de Emprego de CCOO sinalou neste foro que, para desenvolver proxectos sólidos de economía social, cómpre simplificar a burocracia, dispor de financiamento específico e abrirlles aos traballadores e traballadoras vías para a formación, titorización e apoio á xerencia.