Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO homenaxea na Guarda as vítimas do franquismo

    Un ano máis, Comisións Obreiras homenaxeará na Guarda as vítimas do franquismo e contribuírá á recuperación da memoria histórica na comarca do Baixo Miño. Farao cun acto dobre mañá xoves, 14 de outubro: primeiro, ás 17 horas, unha ofrenda floral no cemiterio de Sestás; despois, ás 18:30, cun coloquio no Centro Cultural da Guarda.

    13/10/2021.
    CCOO homenaxea na Guarda as vítimas do franquismo | Foto: Arquivo CCOO

    CCOO homenaxea na Guarda as vítimas do franquismo | Foto: Arquivo CCOO

    Na ofrenda floral lerase un comunicado conxunto de CCOO, da Asociación para a Memoria Histórica e Fosa Común de Sestás, da Fundación 10 de Marzo de CCOO de Galicia e da Fundación Juan Muñiz Zapico (CCOO de Asturias).

    Canto ao coloquio, titulado «Camposancos, porta do inferno», contará coa participación do historiador Víctor Santidrián e de José Urís, especialista na historia deste campo de concentración franquista.

    O peche do acto correrá a cargo da coral Cantos de Liberdade.

    Porta do Inferno

    Coñecido como «Porta do Inferno», polo campo de concentración de Camposancos pasaron máis de 4500 presos republicanos entre os anos 1936 e 1939, principalmente procedentes de Galicia e de Asturias. Ditáronse 225 penas de morte e cometéronse 170 execucións sumarísimas.

    Os restos das vítimas están depositados en Camposancos, pero tamén en Monte do Castro (Vigo), Figueirido (Pontevedra), Ourense e Celanova.

    O terreno da fosa común de Sestás mercouno en 1991 Juan Noya, que en 1936 era concelleiro da Guarda. Foi perseguido e tivo que exiliarse, experiencia narrada no libro Fuxidos.

    En memoria das vítimas erixiuse un monumento por subscrición popular, impulsado por Noya e polo seu compañeiro Manuel Domínguez Taxotas, co apoio das Comisións Obreiras.