Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

CCOO chama a combater os discursos do odio e a situar o social por diante do económico

  • A pandemia agravou a situación laboral das mulleres galegas, sinalou a secretaria xeral, Amelia Pérez

08/10/2021.

URL | Código para insertar

Intervención da secretaria xeral, Amelia Pérez, na primeira reunión do Consello Nacional deste mandato

Intervención da secretaria xeral, Amelia Pérez, na primeira reunión do Consello Nacional deste mandato

Este venres tivo lugar o primeiro Consello Nacional de CCOO de Galicia, renovado tras o 12.º Congreso Nacional do pasado mes de maio. Nesta primeira reunión do máximo órgano do sindicato entre congresos aprobáronse os orzamentos do sindicato, así como o informe presentado pola secretaria xeral, Amelia Pérez. A sindicalista comezou a defensa do seu informe salientando unha das principais características do sindicato: a vertente sociopolítica.

Na primeira reunión do renovado Consello Nacional, a secretaria xeral de CCOO salientou a vertente sociopolítica do sindicato, porque o traballo da organización non abrangue só o ámbito laboral, senón todos os aspectos da sociedade.

No actual contexto da crise derivada da covid-19, “a nosa postura ideolóxica ten que facerse escoitar, aínda máis se cabe, para combater as barbaries das e dos que defenden e ansían as longas noites de pedra”. A dirixente sindical enfatizou que “o social debe estar sempre por riba do económico”. O contrario, advertiu, “supón a deshumanización da nosa sociedade”.

Polo tanto, a actuación do sindicato non abrangue só o ámbito laboral, senón todos os aspectos da sociedade en que CCOO realiza a súa acción. No momento actual, isto implica facerlle fronte “ao incremento dos discursos xenófobos, racistas, intolerantes... en definitiva, ao incremento do discurso do odio”, que exemplificou no goteo constante de agresións e asasinatos con motivación machista ou homófoba.

Preocupación pola pobreza enerxética

Amelia Pérez amosou tamén a súa preocupación polo incremento do prezo da luz, situación que padecen con especial intensidade as persoas en situación máis vulnerable. “O inverno está ás portas, a pobreza enerxética é un problema de primeira orde no noso país”, polo que se non dan resultado os cambios normativos previstos polo Goberno central, “milleiros de familias veranse afectadas e abocadas a unha pobreza severa”.

A secretaria xeral de CCOO lembrou que, segundo a enquisa de condicións de vida do 2020, o 25,7 % da poboación galega estaba en risco de pobreza ou exclusión, fronte ao 24,3 % do ano anterior, un aumento de case corenta mil persoas. Isto, sen ter en conta o impacto da covid.

Diálogo social e fondos europeos

No informe, a secretaria xeral tamén se referiu ao diálogo social estatal, que “deu moitos froitos” no “pouco tempo” de vida do actual Executivo, como a suba do salario mínimo ou a derrogación da reforma das pensións do 2013. Porén, a situación “complicarase máis” nos próximos tempos, tanto polas diferenzas existentes no seu do propio Goberno como polo “acoso” da dereita política, económica e mediática.

Canto á situación galega, Amelia Pérez criticou a actitude da Xunta, “centrada en botar balóns fóra”. Advertiu de que Galicia podería perder a oportunidade que representan os fondos Next Generation, especialmente para cambiar o modelo produtivo do país, “se as nosas e os nosos gobernantes están inmersos en xogos electorais”.

Multinacionais “saqueadoras”

A transición dixital, enerxética e ecolóxica “está sendo de todo menos xusta e social”. Milleiros de traballadores e traballadoras “están quedando atrás” ante a “pasividade” das Administracións competentes. A isto súmase a actitude de determinadas multinacionais “que se comportan como auténticos saqueadores. Pasan por riba de comarcas enteiras, da xustiza e dos Gobernos”, denunciou, ao tempo que citou como exemplos destas prácticas empresas como Alcoa, Vestas ou os bancos que están inmersos en ERE que só buscan maximizar beneficios.

Orzamentos autonómicos

A secretaria xeral de CCOO amosou a súa preocupación ante os próximos orzamentos autonómicos. “Se temos en conta determinadas decisións da Xunta no inicio de curso, moito nos tememos serán uns orzamentos de recortes”, que “con toda probabilidade” prexudicarán os xa minguados servizos públicos. Neste sentido, advertiu que “as Comisións Obreiras, coma sempre, estarán en contra de todo o que supoña a desvalorización dos nosos servizos públicos”.

Negociación colectiva

O informe xeral aprobado hoxe tamén recolle unha análise da situación da negociación colectiva. Os datos do primeiro semestre do ano indican que en Galicia hai 1044 convenios colectivos, xa sexan vixentes ou prorrogados tacitamente, que regulan as condicións de traballo de case medio millón de persoas traballadoras (493.379).

Neste período asináronse ou revisáronse 50 convenios, que afectan a 50.318 persoas traballadoras. Oito de cada dez convenios sectoriais e as tres cuartas partes dos de empresa recollen un pacto de ultraactividade, isto é, que o texto mantén a súa vixencia mentres non se asine un novo.

Nos convenios asinados e revisados páctase unha xornada media de 1791,52 horas, sendo a carga horaria case corenta horas superior nos sectoriais ca nos de empresa.

Canto ao incremento salarial pactado, foi do 1,7 % de media, polo que está por baixo tanto do IPC galego de maio (3,3) como do estatal (2,7). Neste sentido, cabe sinalar que menos da cuarta parte dos convenios asinados ou revisados ten cláusulas de revisión salarial. “Cómpre incluír en cada convenio cláusulas de garantía salarial para evitar a perda de poder adquisitivo dos salarios”, sinalou a secretaria xeral.

A igualdade

A dirixente sindical dedicou unha parte importante do informe a analizar a situación sociolaboral das mulleres galegas. “A pandemia incrementou o escenario de desigualdade que xa existía antes da covid-19 con máis paro, temporalidade, parcialidade e precariedade”, expuxo.

Tamén no ámbito social, “as mulleres sofren maior risco de pobreza e de seren vítimas da violencia de xénero”, pois sen traballo, sen independencia económica, “somos máis vulnerables e durante a pandemia a porcentaxe de mulleres que perderon ou abandonaron os seus traballos foi significativamente maior ca dos homes, ao tempo que “a falta de corresponsabilidade tamén foi clave”, remarcou.

A taxa de emprego dos homes con fillos recuperou o nivel de 2019, mentres que no caso das mulleres caeu 2,4 puntos porcentuais. O 16 % dos homes con fillos estaba nun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), mentres que esta porcentaxe subía ata case o 20 % no caso das mulleres con fillos. “Neste sentido, sería necesario que as empresas xerasen contornas flexibles para homes e mulleres”, demandou, ao tempo que salientou o labor do Gabinete de Igualdade de CCOO a prol da corrección dos desequilibrios e a fenda de xénero no ámbito laboral.

Memoria democrática

O informe da secretaria xeral rematou cunha lembranza aos sucesos do 10 de Marzo de 1972, tanto os de Ferrol como os de Vigo, dos que o vindeiro ano se fará o 50.º aniversario. Feitos que o sindicato debe lembrar porque “ninguén, nunca, nos regalou nada á clase obreira”. Por esa razón, afirmou que CCOO conmemorará esta efeméride “con orgullo de clase”.