Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

O sector da autonómica de CCOO advirte das «graves eivas» no desenvolvemento dos procesos selectivos da Xunta de Galicia

    O sector da Administración autonómica de CCOO advirte das «graves eivas» no desenvolvemento dos procesos selectivos da Xunta de Galicia. Entre outras, descoordinación, improvisación e deficiencias nalgunha actuación dos tribunais de selección que se encargan de xulgar os procesos de acceso á función publica, así como os de promoción interna. «É certo que esta non é a norma, pero nos últimos tempos estanse a producir anomalías que non son desexables nin para a propia Administración, nin por suposto para as persoas aspirantes», sinalan desde o sindicato.

    04/10/2021.
    CCOO advirte da falta de proporcionalidade entre os cuestionarios e os temarios oficiais

    CCOO advirte da falta de proporcionalidade entre os cuestionarios e os temarios oficiais

    Deficiencias detectadas por CCOO

    Entre as deficiencias que enumera CCOO atópanse notas de corte con criterios dispares; corrección tras corrección das cualificacións dos distintos exercicios; niveis de esixencia que non se corresponden coas tarefas propias do posto ao que se opta ou que están moi por riba das funcións habituais —vulnerando o disposto na Lei de emprego público de Galicia; procesos de promoción interna nos cales quedan prazas sen cubrir; ou cuestionarios que non gardan a necesaria proporción cos temarios.

    Como exemplo, CCOO chama a atención sobre o sucedido na proba para o acceso ao corpo auxiliar da Administración Xeral da comunidade autónoma, subgrupo C2, ou consolidación do grupo IV-001. Nun cuestionario de 40 preguntas na parte ofimática, 32 preguntas eran sobre follas de cálculo e só 8 sobre procesador de textos, unha «falta de proporcionalidade respecto do temario» oficial. Ademais, había cuestións mal formuladas ou con ausencias de datos necesarios para poder responder correctamente.

    Outra situación anómala produciuse na promoción interna de AP a C2, onde unicamente lograron superar o exercicio 13 persoas das 52 prazas convocadas, polo que quedaron 39 prazas sen cubrir.

    Propostas de mellora

    Unha explicación a esta situación podería ser a «excesiva cantidade e concentración» dos procesos selectivos, pero CCOO sitúa a responsabilidade sobre a Dirección Xeral da Función Pública. Este departamento é o que «nomea unilateralmente» os tribunais de selección, integrados por funcionarias e funcionarios «que actúan co mellor criterio que poden, en función da discrecionalidade técnica e autonomía que lle outorga a normativa vixente».

    Para corrixir as eivas expostas, CCOO realiza diversas propostas de mellora. Entre as cales destacan establecer unhas bases xerais e comúns para todos os procesos selectivos: determinar a nota de corte nas propias bases da convocatoria —para evitar disparidade de criterios—; modificar as instrucións de funcionamento dos tribunais de selección para unificar os seus criterios de actuación; crear órganos permanentes e especializados de selección que se encarguen de todas as fases do proceso selectivo, con criterios profesionais e de independencia; e recuperar a participación sindical nos tribunais de selección.