Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO congratúlase pola reforma da Lei de inclusión, pero lamenta o «desprezo» polo diálogo que amosa Política Social

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia congratúlase pola reforma da Lei de inclusión social, que esta semana dá os primeiros pasos coa exposición pública no portal de transparencia da Xunta. Non obstante, lamenta o «desprezo» polo diálogo que amosa a Consellaría de Política Social, que, malia ás reiteradas peticións sindicais, mantivo paralizada a agardada reforma e non consultou os axentes sociais antes de iniciar a tramitación.

    01/10/2021.
    A renda de inclusión social de Galicia diríxese aos segmentos de poboación máis vulnerables | Foto: Pixabay

    A renda de inclusión social de Galicia diríxese aos segmentos de poboación máis vulnerables | Foto: Pixabay

    A secretaria de Emprego e Política Social de CCOO, Maica Bouza, coida que este xeito de actuar é un «maltrato» tanto ao Consello Galego de Benestar Social como ao sindicatos. «É intolerable que a Consellaría nunca nos remita de oficio as normas que son do seu ámbito antes de sometelas á consulta pública da cidadanía, máis aínda nunha cuestión de tanta transcendencia», reprocha a sindicalista.

    En opinión de Bouza, a Consellaría debe facer «unha profunda reflexión» sobre o que significa a interlocución social, ausente tanto á hora de abordar os conflitos laborais —caso das reivindicacións das traballadoras e traballadores adscritos a este departamento— como as cuestións sociopolíticas.

    Acabar cunha inxustiza

    Para a secretaria de Emprego e Política Social de CCOO, a reforma da Lei de inclusión social de Galicia é «unha cuestión de extrema necesidade», xa que a incompatibilidade entre o ingreso mínimo vital (IMV) e a renda de inclusión social (Risga) xera situacións «incomprensibles e inxustas».

    Con todo, Bouza critica a «parsimonia» da Consellaría de Política Social, pois iniciou os trámites «con máis dun ano de atraso», cando outras comunidades autónomas fixeron compatibles ambas as dúas prestacións «desde o minuto un».

    Precisamente, e dado que se trata dunha prestación «para os colectivos máis vulnerables e necesitados da nosa sociedade», CCOO defendeu en diversas ocasións que a reforma da lei se fixese polo trámite de urxencia, petición á que a Xunta «fixo o xordo».

    Sexa cal for o resultado do proceso de tramitación —CCOO pide que se axilice ao máximo—, e dado que o IMV prevalece sobre a Risga, desde o sindicato esixen que o orzamento destinado á renda autonómica se manteña «para as finalidades propias, que son as políticas sociais», e sempre co visto e prace do Consello Galego de Benestar Social.