Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

O Goberno central insiste en políticas inxustas de depreciación salarial nas Administracións públicas

    CCOO, primeiro sindicato das Administracións públicas, anuncia mobilizacións para cambiar as intencións do Goberno durante o proceso parlamentario do Proxecto de Lei de orzamentos xerais para 2022. En Galicia pode afectar a case 150.000 persoas traballadoras.

    06/10/2021.
    Ministerio de Facenda e Función Pública

    Ministerio de Facenda e Función Pública

    CCOO acusa o Goberno de menosprezar a negociación colectiva cunha convocatoria urxente de reunión da mesa xeral das Administracións públicas o 5 de outubro, sen ningunha documentación. Isto levounos a rexeitar a nosa participación para denunciar que o Executivo entende a negociación como un simple trámite a que obriga a lexislación, xusto antes da aprobación do proxecto de Lei de orzamentos xerais do Estado.

    A proposta do Goberno ignora as peticións específicas do noso sindicato: volver á senda da recuperación do poder adquisitivo, a xornada laboral de 35 horas e eliminar a taxa de reposición. Malia a mellora proposta na reunión, esta taxa non ten ningún sentido cando cómpre pór fin á alta temporalidade e representa un serio obstáculo para a mellora dos servizos públicos.

    Precisamente, os servizos públicos diminuíron moito coa crise anterior de 2008 e isto foi máis ca evidente durante a pandemia. Servizos como sanidade, educación, servizos sociais, SEPE, seguridade social, xustiza, entre outros, prestáronse basicamente grazas ao comportamento exemplar do persoal das Administracións públicas e do sector público empresarial, hoxe desprezado, unha vez máis, por un Goberno que se di progresista.

    Incremento retributivo e redución da temporalidade nas Administracións

    Canto aos salarios, a proposta do Goberno de aumentalos o 2 % —referida á previsión do IPC para 2022 e sen unha cláusula de revisión salarial— pode volver reducir o poder adquisitivo dos traballadores/as públicos, minguado na última década en máis de 10 puntos porcentuais —seguramente aumentará en 2021 dada a evolución dos prezos nos últimos meses.

    Todo isto, malia que a negociación sindical deu os seus froitos coa recuperación de catro puntos de poder adquisitivo nos tres anos do acordo sindical, o que demostra a utilidade do sindicalismo para a mellora concreta das condicións de vida da clase traballadora.

    Cos datos e previsións actuais, necesitariamos un incremento salarial superior ao 3,5 % en 2022, cunha cláusula de garantía salarial, para evitar volvermos á senda da perda de poder adquisitivo en 2021 e 2022. Non damos comprendido como o Goberno insiste nas vellas políticas, inxustas para as persoas e ineficaces para a recuperación económica.

    Por todas estas razóns, CCOO levará a cabo as accións pertinentes para tentar modificar as intencións do Goberno central durante o proceso parlamentario do proxecto de Lei de orzamentos xerais do Estado do 2022 e iniciar decontado unha negociación para debater sobre o conxunto de dereitos laborais que deben ser recuperados.