Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO-Ensino afirma que a Consellaría de Educación reduce o espazo entre o alumnado para recortar profesorado

    A Federación do Ensino de Comisións Obreiras de Galicia afirma que a Consellaría de Educación reduce de 1,5 a 1,2 metros a distancia interpersoal entre o alumnado co obxectivo de recortar profesorado, primando os criterios economicistas fronte aos sanitarios. A secretaria xeral de CCOO-Ensino, Luz López, lamentou que o Ministerio de Educación «renunciara a liderar» un proceso que era da súa competencia, permitindo que cada comunidade autónoma «faga o que lle veña en gana» no tocante ás distancias.

    13/09/2021.
    José Fuentes e Luz López, de CCOO-Ensino

    José Fuentes e Luz López, de CCOO-Ensino

    Pola súa parte, o coordinador de Acción Sindical de CCOO-Ensino, José Fuentes, salientou que a redución da distancia é «o elemento fundamental» para recortar profesorado e aumentar as ratios nas aulas. Deste xeito, reduciu 116 unidades —47 en infantil e 69 en primaria— e eliminou 169 postos de traballo. A redución de unidades e de profesorado provocou xa protestas das familias de diferentes centros educativos de toda Galicia neste comezo do curso.

    Para CCOO-Ensino, a Consellaría «comete un erro» ao manter as ratios máximas de 25 alumnas e alumnos por aula baseándose nun «concepto errado dos grupos burbulla», xa que o alumnado da mesma aula mantén contacto ao longo do día cos doutras aulas en espazos da vida cotiá ou no propio transporte escolar.

    CCOO-Ensino desmente o conselleiro de Educación cando afirma que Galicia ten a ratio máis baixa do Estado xunto con Estremadura. Segundo José Fuentes, isto só se cumpre no rural, debido a que tamén hai menos alumnado. Con todo, «as ratios aínda deberían ser máis baixas se a Xunta non estivese a incumprir desde o 2011 o acordo de agrupamentos asinado no 2009», denunciou Luz López.

    Canto á etapa de secundaria, «o criterio economicista é o principio reitor», sinalan desde a Federación do Ensino de CCOO. Na adxudicación constátanse 420 prazas menos ca o pasado curso, o que indica o alto grao de redución dos desdobramentos que había pola covid-19. 

    A posición do sindicato é clara canto á distancia entre postos escolares: que se manteña a de 1,5 metros para non poñer en perigo a saída da pandemia, reducindo así a ratio e mantendo o groso de contratacións un curso máis. «Desde CCOO-Ensino apostamos por un ensino presencial e seguro, xa que o ensino presencial é o que garante a equidade e a igualdade de oportunidades de todo o alumnado», enfatizou José Fuentes.

    Protocolo de limpeza

    Outra das cuestións criticadas por CCOO está relacionada coa limpeza. O sindicato coida «imprescindible» aumentar o persoal, sobre todo nos centros que contan cunha única persoa para estas tarefas. O protocolo recolle que só un terzo da xornada pode coincidir coa actividade lectiva, polo que a atención a este traballo significa unha modificación unilateral das condicións laborais «que non imos consentir».

    Avaliación de centros e postos

    Por último, CCOO-Ensino esíxelle á Consellaría de Educación que faga «canto antes» a avaliación de centros e de postos de traballo, pois é unha obriga recollida tanto na Lei de saúde e seguridade laboral como na resolución da Inspección de Traballo en resposta á denuncia presentada por CCOO.

    Audios asociados

    Luz López, secretaria xeral de CCOO-Ensino, reprocha que o Ministerio de Educación non fixase criterios comúns canto ás distancias interpersoais

    José Fuentes, coordinador de Acción Sindical de CCOO-Ensino: «Nós apostamos por unha presencialidade segura»