Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

O persoal do sector da limpeza de edificios da provincia da Coruña decidirá en asemblea que convenio quere

    Os vindeiros días 6, 7 e 8 de setembro, os traballadores e traballadoras do sector de limpeza de edificios da provincia da Coruña poderán escoller por que tipo de convenio se van rexer. CCOO do Hábitat anima o persoal a participar nas asembleas convocadas na Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol para ratificaren ou rexeitaren o acordo previo a que se chegou na mesa de negociación o pasado 30 de xullo.

    03/09/2021.
    Mobilizacións do persoal de limpeza de edificios da provincia da Coruña

    Mobilizacións do persoal de limpeza de edificios da provincia da Coruña

    A postura manifestada por CCOO na mesa de negociación, conforme consta na acta, é que o acordo é «insuficiente» e queda «moi lonxe» dos obxectivos recollidos na plataforma reivindicativa elaborada polos tres sindicatos.

    Segundo CCOO do Hábitat, o acordo non pon en valor o traballo feito polo persoal do sector durante a pandemia e os incrementos salariais son «ínfimos» e non garanten o poder adquisitivo respecto da inflación: sen suba en 2020 e aumentos do 1,7 % para este ano, do 1,6 % no 2022 e novamente do 1,7 % no 2023.

    Por outra parte, a ratificación do acordo suporía a retirada do conflito colectivo sobre a aplicación do complemento de transporte íntegro, «independentemente do tipo de xornada que estipule o contrato». Isto representaría unha «discriminación» para os traballadores e traballadoras a tempo parcial fronte aos que teñen xornada completa.

    Sexa como for, malia esta postura crítica, CCOO do Hábitat respectará e acatará o resultado das asembleas, ratifíquese ou non o contido do acordo previo.

    Calendario das asembleas

    — A Coruña: luns, 6 de setembro, no edificio de sindicatos. Ás 11 e ás 17 horas

    — Santiago de Compostela: martes, 7 de setembro, no edificio Cersia. Ás 11 e ás 17 horas

    — Ferrol: mércores, 8 de setembro. Ás 11 horas na sede da CIG e ás 17 horas na sede de CCOO