Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO advirte de que a recuperación en Galicia «non pode asentar sobre a precariedade»

    A mellora dos datos de desemprego e afiliación chega a valores históricos en xullo, pero a situaciónvese ensombrecida pola precariedade: só sete de cada cen contratos rexistrados son indefinidos

    03/08/2021.
    Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social

    Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social

    3-08-2021.- O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia advirte de que a recuperación no noso país «non pode asentar sobre a precariedade». A secretaria de Emprego do sindicato, Maica Bouza, apunta que no mes de xullo se comproba unha mellora dos datos de desemprego e afiliación —que mesmo chegan a valores históricos—, pero a situación «vese ensombrecida pola precariedade», pois só sete de cada cen contratos rexistrados son indefinidos.

    Os datos positivos de emprego e afiliación «non deben agochar o elevado número de persoas que seguen no desemprego (máis de 151 900) ou inmersas nun ERTE (máis de 13 000), e moito menos que o emprego creado é todo de duración temporal, debuxando un mercado laboral galego con pés de barro», sinala Maica Bouza.

    Os orzamentos da Xunta para 2022 que está a elaborar o Goberno galego, xunto aos fondos de reconstrución europeos, «deben ser a base dun novo modelo de crecemento que permita recuperar a actividade produtiva, o emprego de calidade e a protección da poboación», afirma a secretaria de Emprego de CCOO.

    Neste contexto, CCOO aposta por un modelo produtivo orientado a actividades de maior valor engadido, diversificado, que potencie a industria e cumpra criterios medioambientais de economía circular. «O incremento do SMI e a derrogación das reformas laborais contribuiría a mellorar as condicións de traballo e a nunha maior equidade na distribución da renda», conclúe Bouza.

    Cae o desemprego, pero menos ca no Estado

    O datos publicados hoxe polo Servizo Público de Emprego (SEPE) reflicten unha caída do paro rexistrado de 5784 persoas no mes de xullo; isto é, unha redución do 3,67 %. Esta mingua é inferior en case dous puntos á do Estado, que foi do 5,47 %. Deste xeito, en Galicia había, ao remate do último mes, 151 934 persoas desempregadas, un 13,33 % menos que o mesmo mes do ano anterior.

    A afiliación á Seguridade Social no último día de xullo medra en 22 567 persoas (+2,22 %) respecto do mesmo período do mes anterior. A cifra supera a variación da media mensual (+14 552 persoas) e indica que nos últimos días do mes tamén se creou emprego. Sexa como for, a afiliación sitúase por riba do millón de persoas afiliadas.

    «Estamos ante un bo dato de emprego, pois baixa o paro e medra afiliación de maneira importante, conforme ao patrón habitual do mercado laboral galego neste mes do ano», explica Maica Bouza. Nesta época abondan as contratacións para a temporada estival «e mesmo se acadan valores históricos en termos cuantitativos», sinala a sindicalista. Porén, «a situación non é positiva en termos cualitativos, tal e como reflicten os datos de contratos rexistrados».

    A contratación medrou de maneira notable no mes de xullo, pois formalizáronse 15 208 contratos máis ca en xuño; é dicir, un incremento do 17,69 % fronte a un 2,24 % no conxunto do Estado. «Os datos non so bos cualitativamente, porque a maior parte son precarios». Dos 101 172 contratos rexistrados, 94 168 foron temporais (93,08 %). Ademais, os contratos indefinidos caen nun 5,4 %, mentres que os temporais medran nun 19,87 %.

    Análise por sexos e sectores

    O desemprego redúcese entre as mulleres (2602 paradas menos) menos que entre os homes (3182 desempregados menos), o que provoca que as mulleres representen un 58,7 % do desemprego galego. O paro redúcese menos entre as persoas de menos idade (cae en 603 persoas) que entre as maiores (5181 desempregadas menos), aínda que en termos porcentuais a caída do paro entre a mocidade triplica á das maiores (10 % fronte a 3,4 %). O desemprego redúcese en todos os sectores, pero sobre todo nos servizos (3847 menos), na industria (-733), na construción (-442), no sector primario (-438) e no colectivo sen emprego anterior (-324).

    Análise da contratación

    En xuño rexistráronse en Galicia 101172 contratos, dos cales 94 168 foron temporais; isto é, tan só un de cada dez contratos foron indefinidos. En termos mensuais a contratación medra nun 17,64 %, mentres que en termos anuais o incremento é dun 17,09 %.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, a afiliación media mensual sobe en +14 552 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas por riba do millón (1 036 273). Destas, 806 212 corresponden ao réxime xeral, 209 646 ao de autónomos e 20 414 ao réxime especial do mar.

    Se a comparativa a facemos cos datos do último día de mes, a afiliación medra en +22 574 persoas, ata situarse en 1 039 260 afiliados e afiliadas.

    Prestacións por desemprego

    En xuño cobraron algún tipo de prestación por desemprego 90 476 persoas: 40 073 prestacións contributivas e 50 403 subsidios. Unha parte das prestacións contributivas seguen correspondendo ao mecanismo dos ERTE, garantía de mantemento de emprego acordado entre os axentes sociais e o Goberno central, que ao remate de xullo daba cobertura a 13 011 persoas (5768 menos que en xuño): 2658 de causas económicas ou produtivas (ETOP), unha menos ca no mes anterior; 3107 de forza maior (938 menos) e 7246 nos de limitación ou impedimento (4829 menos). Do total de persoas afectadas, 5714 son homes e 7297 mulleres. Se atendemos á súa xornada, 4365 son a tempo parcial e 8646 a xornada completa.