Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO denuncia novas encomendas de xestión fraudulentas na Xunta de Galicia

    A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO (FSC-CCOO) denuncia novas «encomendas de xestión fraudulentas» no ámbito da Administración autonómica. Nesta ocasión, o sindicato critica a adxudicación dun contrato de máis de 210 000 euros para cubrir necesidades estruturais da Dirección Xeral de Formación e Colocación, que forma parte da Consellaría de Emprego e Igualdade.

    19/07/2021.
    Dependencias da Xunta de Galicia no complexo administrativo de San Lázaro, en Santiago de Compostela

    Dependencias da Xunta de Galicia no complexo administrativo de San Lázaro, en Santiago de Compostela

    Segundo a FSC-CCOO, a encomenda comprende a «colaboración na xestión» de distintas convocatorias de axudas da dita Dirección Xeral, cun prazo de execución de doce meses que comezou o pasado 1 de xullo.

    Dada a natureza da encarga, para CCOO «é evidente» que se podería asumir con medios propios e, en caso de se precisar persoal, contratalo mediante as listaxes públicas da Xunta de Galicia. Se o traballo é estrutural e se vai repetir anualmente, non cabe a encomenda de xestión, agás que sexa «para fuxir dos controis administrativos», abunda Comisións.

    Polo tanto, desde CCOO coidan probado que se trata «dun paso máis no impulso da Administración paralela» por parte do Goberno de Núñez Feijóó, «que dilapida unha cantidade inxente de recursos públicos para prestar un servizo de peor calidade do que unha prestación directa con recursos propios».

    Por todo isto, CCOO esixe a paralización de todas as encomendas fraudulentas que obedecen a tarefas estruturais e que o servizo sexa con persoal propio. Así mesmo, pide que todos os postos se inclúan nunha oferta pública de emprego e se negocien cos sindicatos os criterios para regular a utilización das encomendas que obedezan exclusivamente a traballos conxunturais que non poida asumir o persoal público.