Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO e UGT lémbranlle ao Goberno que «agora si toca» subir o salario mínimo e derrogar a reforma laboral para iniciar o camiño da recuperación económica

    Case trescentas delegadas e delegados de UGT e CCOO concentráronse este mércores fronte á Delegación do Goberno na Coruña, para lembrarlle ao Executivo central que «agora si toca» subir o salario mínimo e derrogar a reforma laboral para iniciar o camiño da recuperación económica tras a pandemia.

    14/07/2021.
    #AgoraSiToca - Concentración fronte á Delegación do Goberno en Galicia, na Coruña

    #AgoraSiToca - Concentración fronte á Delegación do Goberno en Galicia, na Coruña

    A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, lembrou que o Goberno de coalición tiña tres compromisos, que eran a derrogación da reforma das pensións, a suba do SMI e tombar a reforma laboral. «Se cadra algúns, no Goberno, cren que son cuestións sen relación entre si, pero están intimamente ligadas», advertiu a sindicalista.

    Pérez apuntou que o 1 de xullo se chegou a un acordo sobre a primeira das cuestións. Porén, «se queremos modernizar o noso mercado de traballo de cara ao futuro», urxe acometer as dúas reformas pendentes, pois «a cohesión social é fundamental na recuperación económica».

    «Imos seguir na rúa e presionando o Goberno para conseguir estes obxectivos que nos marcamos a comezos deste ano, por iso estamos aquí [na Coruña] e seguiremos estando os meses que sexan necesarios», advertiu a secretaria xeral de CCOO.

    Pola súa parte, o secretario xeral de UGT, José Antonio Gómez, salientou que «as organizacións sindicais, nesta pandemia, salvamos empresas e empregos» acordando medidas co Executivo central e coas organizacións patronais.

    Na súa opinión, «agora si toca» acometer as reformas que quedan pendentes tras derrogar a reforma das pensións, para sentar as bases dunha recuperación «que ten que vir pola vía de acabar coa precariedade; sobre todo na xuventude, onde supera o 40 %, e nas mulleres».

    «Se queremos recuperación económica, hai que falar de salarios. E os salarios sóbense a través do smi e da negociación colectiva», insistiu Gómez. Precisamente, a negociación colectiva «quedou moi tocada coa reforma laboral do PP». Neste sentido, instou a recuperar a ultraactividade dos convenios —que manteñan a súa vixencia mentres non se acorde un novo marco laboral— e que o convenio do sector prime sobre o da empresa «para evitar a desvalorización das condicións de traballo».