Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO explica en Santiago de Compostela as principais claves do acordo de pensións

    Un cento de delegados e delegadas de CCOO das comarcas de Santiago e do Barbanza asistiron esta mañá a unha asemblea informativa sobre o acordo das pensións, asinado o pasado 1 de xullo.

    13/07/2021.
    Joaquín García e Maica Bouza

    Joaquín García e Maica Bouza

    O secretario xeral da Unión Intercomarcal Santiago-Barbanza, Joaquín García, fixo un resumo dos principais aspectos do acordo. A seguir, a secretaria nacional de Política Social, Maica Bouza, afondou en cada un dos puntos e aclarou as dúbidas formuladas polas delegadas e delegados. Á asemblea tamén acudiu o secretario de Acción Sindical, Armando Iglesias, en representación da Comisión Executiva Nacional.

    Derrogar a reforma do PP e garantir o sistema

    Na súa intervención, Joaquín García salientou o feito de que o acordo asinado o pasado 1 de xullo significase a derrogación da reforma das pensións que o PP acometera no 2013 malia a oposición dos axentes sociais. Tamén puxo en valor que o novo pacto está concibido para garantir o sistema público de pensións.

    Un acordo baseado en catro eixes

    A secretaria de Política Social de CCOO, Maica Bouza, destacou que «é unha reforma que actúa sobre os ingresos, non sobre os gastos». A seguir, sinalou que o acordo de pensións está baseado en catro eixes fundamentais. O primeiro, como xa indicara García, a derrogación da reforma aprobada unilateralmente polo PP no ano 2013.

    O segundo, a garantía de recuros adicionais para o sistema, tanto pola vía das transferencias do Estado como pola cotización dos autónomos en función dos ingresos reais. O terceiro, máis dereitos para a xubilación anticipada, mellorando as condicións das pensións. O cuarto, novos dereitos para sectores e colectivos que estaban discriminados, como parellas de feito, fixos-descontinuos e bolseiros.

    Mobilización o 14 de xullo

    Tanto García como Bouza fixeron fincapé na mobilización convocada para mañá mércores, 14 de xullo, diante da Delegación do Goberno, coa que CCOO e UGT esixen a suba do salario mínimo e a derrogación da reforma laboral. Segundo os sindicalistas, tanto a mellora dos salarios como a fin da precariedade asociada á reforma laboral son «fundamentais» para mellorar o sistema público de pensións pola vía dos ingresos. «Polo tanto, esta mobilización ten máis sentido se cabe», concluíron.