Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO traballa para mellorar a empregabilidade de preto de 150 persoas que perderon o seu posto no naval

  • As actividades teñen lugar en Ferrol e Vigo a través do proxecto EmpregaNAV

CCOO traballa en Ferrol e Vigo para mellorar e empregabilidade de case 150 persoas que perderon o seu posto do naval. A través do proxecto EmpregaNAV, impártense distintos obradoiros para mellorar as súas opcións de reinserción laboral.

09/07/2021.
Obradoiro no programa EmpregaNAV

Obradoiro no programa EmpregaNAV

O naval é un sector estratéxico en Galicia, tanto polos postos de traballo —directos e indirectos— que xera como pola súa capacidade tractora —con gran repercusión no eido socioeconómico—. Esta actividade ponderada representaba, no primeiro trimestre do 2019, o 40 % da actividade española. Durante o pasado ano, o sector perdeu un 20,84 % do emprego e a súa facturación tamén sufriu un descenso do 11 %.

CCOO traballa no pulo á formación neste proxecto, tomando como referencia as especialidades e cualificacións que terán máis demanda para a carga de traballo nos estaleiros no futuro. No caso de Ferrol, por exemplo, incidindo nos programas das novas fragatas F-110 e na eólica mariña.

EmpregaNAV

EmpregaNAV é un proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) para a reinserción laboral de persoas da industria auxiliar do naval en Galicia en situación de desemprego.

Ata o 13 de agosto do 2022, EmpregaNAV creará recursos de fomento da reinserción laboral especificamente orientados ás problemáticas de persoas que perderon os seus postos de traballo entre o 23 de maio de 2019 e o 23 de febreiro do 2020. As accións teñen un carácter personalizado, xa que o principal obxectivo é asegurar a inserción do maior número de persoas posible.

CCOO xa conta coa experiencia previa dun proxecto similar no sector téxtil, Galitex, onde se logrou a reinserción laboral do 80 % das persoas participantes.