Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

A Xustiza dálle a razón a un delegado de CCOO contra un traslado irregular e inxustificado de Endesa

    CCOO-Industria denuncia que Endesa está a incumprir os acordos socais de recolocación, mesmo  con interpretacións arbitrarias, para represaliar os traballadores. A xuíza ditamina que o traslado de Ferrol a Lleida é inxustificado e ordénalle á empresa a súa reposición no posto e nas condicións que tiña.

    08/07/2021.
    O traballador presta servizos no porto de Caneliñas

    O traballador presta servizos no porto de Caneliñas

    A Xustiza deulle a razón a un delegado de CCOO contra un traslado irregular e inxustificado de Endesa. O afectado, traballador do porto de Ferrol, denunciou a Endesa Generación, S. A. pola orde de traslado á central de Lleida, no Pireneo catalán. 

    A xuíza, titular da Sala do Social número un de Ferrol, estima parcialmente a demanda do traballador, con trece anos de antigüidade na empresa e cuxo posto de traballo habitual é na terminal portuaria de Caneliñas. 

    O veredicto é inequívoco: declara «inxustificada» a mobilidade xeográfica e recoñece o dereito do demandante a ser reposto nas súas anteriores condicións de traballo. 

    Endesa ordenara a súa incorporación á central de Cataluña con data do 1 de xullo, pero a execución da sentenza ditamina contrario. «A empresa non respectou unha garantía sindical que é a prioridade de permanencia do delegado de persoal no comité», sinalan desde a asesoría xurídica de CCOO en Ferrrol.

    Desde CCOO-Industria sinalan que a empresa eléctrica está a incumprir «reiteradamente e con pleno coñecemento» o acordo social para as recolocacións asinado no ámbito estatal, incluso utilizándoo «ao seu antollo» co obxectivo de «desarmar a representación sindical sen disimulo, algo que esta central non vai tolerar». 

    Endesa, que ten en perspectiva a transformación do seu modelo de negocio, prevé trasladar este ano a 14 dos 21 traballadores que tiña en Caneliñas. «Temos coñecemento de que está a subcontratar traballos que podía acometer co seu propio persoal, ao que pretende trasladar», sinala CCOO.