Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Berro unánime de Galicia contra a LGTBIfobia e esixindo xustiza para Samuel

    «Xustiza para Samuel» foi o berro unánime que se escoitou no máis de medio cento de protestas convocadas en Galicia para amosar a repulsa polo asasinato deste mozo coruñés, morto a golpes na madrugada do sábado na Coruña. O movemento LGTBI+ galego, do que forma parte CCOO, coida demostrado que a homofobia foi a motivación principal da fatal agresión.

    06/07/2021.
    #XustizaParaSamuel. Concentración en Vigo (5/7/2021)

    #XustizaParaSamuel. Concentración en Vigo (5/7/2021)

    CCOO rexeita e condena calquera tipo de discriminación e de violencia LGTBIfóbica e lembra que, entre outras iniciativas, xa propuxo a posta en marcha en todas as Administracións dun servizo de atención ás persoas que padezan este tipo de persecución. Tamén, avoga pola intervención no ámbito educativo e pola posta en práctica de cantas medidas cumpran para a atención integral de persoas LGTBI+ de especial vulnerabilidade.

    A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, que participou na concentración convocada diante do museo MARCO de Vigo, lamenta a «deriva moi preocupante» que está tomando o país. Criticou, así mesmo, xestos e decisións que supoñen un «aval ao discurso do odio», como a da Audiencia Provincial de Madrid dando por bo un cartel do partido de extrema-dereita Vox contra os menores estranxeiros non acompañados.