Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO lamenta que a Xunta convertera «nunha pantomima» a Comisión de Reactivación de Galicia

  • A secretaria xeral do sindicato, Amelia Pérez, cualifica este feito de «oportunidade perdida»

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) lamenta que a «falta de xenerosidade política» impedise pechar acordos no seo da Comisión de Reactivación Económica, Social e Cultural de Galicia. A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, cualifica este feito de «oportunidade perdida para o noso país» e lembra que o momento actual «require consensos amplos, non confrontación».

01/07/2021.
Foto: CCOO

Foto: CCOO

A creación desta comisión foi a primeira decisión tomada polo Parlamento de Galicia xurdido das últimas eleccións autonómicas, o pasado verán. Desenvolveu o seu labor durante dez meses, nos cales interviñeron case medio cento de relatores, rexistráronse preto dun milleiro de propostas e presentáronse máis de 150 informes, pero pechou sen acordo ningún.

En opinión da dirixente sindical, o PP «subverteu» a razón de ser da comisión, converténdoa «nun trámite, por non dicir nunha pantomima», coa finalidade de «vestir doutro xeito a folla de ruta preestablecida pola Xunta de Galicia, marcada polos orzamentos autonómicos do 2021, que tampouco naceron dun consenso».

A secretaria xeral de CCOO reprocha que o partido que goberna Galicia utilizara a «apisoadora da maioría absoluta» para impor as súas teses, no canto de procurar o acordo. «Faltou altura de miras e sentido de país», reitera Pérez.

As propostas de CCOO

CCOO foi unha das organizacións sociais que interveu nesta comisión, e fíxoo para presentar propostas «ambiciosas e necesarias para Galicia».

Entre outras cuestións, as iniciativas achegadas por CCOO procuraban a reindustrialización da comunidade autónoma —especialmente nas comarcas máis afectadas polos procesos de transición ecolóxica—, un cambio de modelo produtivo —asentado en actividades intensivas en coñecemento e innovación, e de alto valor engadido—, o reforzamento dos servizos públicos, o deseño dunha estratexia integral para crear emprego de calidade no rural galego ou mellorar a formación profesional e a formación para o emprego.