Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO insta a Burger King a cumprir os dereitos laborais do seu persoal

    CCOO-Servizos insta a Burger King a cumprir os dereitos do seu persoal, en concreto no relativo ao pagamento dos salarios, quendas de traballo e protección da saúde. Este mediodía houbo unha concentración na Coruña e outra en Ourense, pero os problemas veñen de meses atrás. Durante o último ano, o sindicato convocou a empresa en diferentes ocasións para procurar solucións, pero ante a súa negativa houbo que recorrer á Inspección de Traballo.

    30/06/2021.
    Concentración diante de Burger King na Coruña (30/6/2021)

    Concentración diante de Burger King na Coruña (30/6/2021)

    CCOO denunciou ante a autoridade laboral irregularidades en cuadrantes horarios e tempo de traballo, así como no aboamento de salarios e complementos.

    Con todo, Burger King reincide no pagamento incorrecto das horas complementarias, o atraso no aboamento dos salarios, as irregularidades nos horarios e calendarios, a excesiva carga de traballo por falta de persoal, ou aspectos relacionados coa seguridade e a saúde laboral.

    Estes problemas, xa de seu graves en calquera empresa, sono aínda máis nun sector tan precarizado como o da comida rápida, cun exceso de xornadas parciais que se traducen en salarios moi baixos e que levaron ao límite o persoal destes centros, que ven como a empresa xoga coas súas remuneracións, utilizando a precariedade como medida de presión.

    A nova negativa da empresa a reunirse cos delegados de CCOO, representantes do persoal, é unha demostración clara e palpable da ineficacia absoluta da súa política de relacións laborais e non deixa máis alternativa que seguir denunciando esta situación ante a autoridade laboral e, á vez, realizar mobilizacións para sacar á luz pública a grave situación que vive o persoal dos centros de Burger King.