Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO pídelle á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade que «tome partido» polo ferrocarril público

  • A oferta e a demanda «non pode ser unha escusa» para repoñer os servizos ferroviarios que había en Galicia antes da pandemia

O sector ferroviario de CCOO de Galicia reuniuse esta mañá coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta para tratar os principais problemas do ferrocarril en Galicia. Desde o sindicato solicitáronlle a Ethel Vázquez que «tome partido» polo ferrocarril de proximidade e inste a Dirección de Renfe a que se repoñan todos os servizos que había antes da pandemia. Segundo CCOO, actualmente só funcionan o 25 % dos servizos de media distancia en ancho métrico, o 50 % en servizos de media distancia de ancho convencional e o 80 % no corredor atlántico entre A Coruña e Vigo.

29/06/2021.
Un momento da reunión entre CCOO e a conselleira Vázquez. Á dereita da fotografía, Gregorio Bermejo, coordinador do sector Ferroviario | Foto: Xunta

Un momento da reunión entre CCOO e a conselleira Vázquez. Á dereita da fotografía, Gregorio Bermejo, coordinador do sector Ferroviario | Foto: Xunta

Na reunión con Vázquez —que se amosou receptiva ás demandas sindicais—, os representantes de CCOO lembraron que o transporte ferroviario caracterízase, no ámbito autonómico, por ser unha obriga de servizo público e por iso percibe subvencións do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Ademais, a propia xerencia do servizo público de Galicia ten a responsabilidade de vertebrar a rede de proximidade —materia pendente na comunidade autónoma.

Para o coordinador do sector ferroviario de CCOO de Galicia, Gregorio Bermejo, a oferta e a demanda «non pode ser unha escusa» que impida repoñer os servizos de media distancia anteriores á pandemia. «Renfe incluso debe ir máis aló, implantando unha rede de proximidade en Galicia que dea resposta ás necesidades de transporte entre cidades e que comunique as poboacións rurais de menor tamaño», indica o sindicalista.

Recuperar o tren hotel

CCOO defende destinar fondos europeos á implantación de servizos ferroviarios no ámbito da comunidade autónoma e «non só á alta velocidade». Outro punto tratado na reunión foi a supresión dos trens hoteis que cubrían os traxectos con Madrid e Barcelona, malia que a tendencia europea é aumentar estes servizos.

No caso da conexión con Barcelona, era das máis utilizadas en Galicia, cunha ocupación próxima ao 100 % case todo o ano — de feito, en períodos de vacacións desdobrábase—. Ademais, este servizo repercute no persoal do servizo a bordo da base da Coruña, uns vinte traballadores que levan en ERTE desde o comezo da pandemia.

O tren hotel que cubría a ruta con Madrid supoñía a única conexión directa coa capital do Estado desde a comarca de Valdeorras, e tamén prestaba un servizo aos usuarios que querían chegar á primeira hora da mañá e non viaxar por estrada e/ou avión. Na actualidade, o único servizo —entre Lugo e Madrid— préstase nun horario «que non é compatible para realizar calquera tipo de xestión», censura CCOO.

Discriminación tarifaria

Na reunión coa conselleira, CCOO tamén transmitiu o seu «desacordo» coa «discriminación tarifaria» que padecen as persoas usuarias do Avant Ourense-Santiago de Compostela respecto doutros traxectos similares, como Santiago-A Coruña.

O sector ferroviario de CCOO pediu, así mesmo, que a Xunta faga as xestións precisas para que os trens de longa distancia Vigo-Madrid que usen a variante de Conxo —en Santiago de Compostela— fagan unha parada en Vilagarcía de Arousa. Isto só aumentaría en cinco minutos un traxecto de cinco horas, a cambio de dar servizo á comarca de Arousa, con máis de cen mil habitantes, así como ás persoas que escollan a zona como destino turístico.