Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

Asemblea con delegadas e delegados de CCOO en Arousa

    Esta mañá tivo lugar en Vilagarcía de Arousa unha asemblea con delegadas e delegados de CCOO na comarca. Neste encontro participaron a secretaria xeral de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, e a secretaria de Organización, Leila Piñeiro.

    25/06/2021.
    Amelia Pérez e Juan Bao na asemblea de Arousa

    Amelia Pérez e Juan Bao na asemblea de Arousa

    Na súa intervención, Pérez deu un saúdo en nome da Comisión Executiva Nacional electa no recente 12.º Congreso, o pasado mes de maio. A seguir, repasou os principais retos que ten diante de si o sindicato, como a transición ecolóxica ou a repartición dos fondos europeos Next Generation.

    A dirixente sindical tamén afondou sobre as campañas e reivindicacións que están en marcha en toda Galicia e tamén no Estado, facendo fincapé en que non son conflitos illados, senón que deben ser entendidos como procesos que unen a clase traballadora contra distintas formas de opresión.

    Partindo do exemplo do Día Internacional do Orgullo LGTBI+, que se conmemora o luns, Amelia Pérez usou as palabras de Paco Vidarte para lembrar que todas as loitas só son «posibles e realmente eficaces dentro dunha constelación de loitas conxuntas solidarias en contra de calquera forma de opresión».

    Situación dos diferentes sectores

    Canda Pérez interviñeron Juan Bao —elixido en abril secretario xeral comarcal de CCOO de Arousa—, así como responsables comarcais das federacións de Industria, Servizos á Cidadanía, Pensionistas, Servizos e Sanidade, que explicaron as situacións dos seus respectivos sectores.