Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia únese ao chamamento colectivo para que España ratifique o Convenio 190 da OIT

  • «Ratificalo significa estar a carón das vítimas; o Goberno non pode mirar para outro lado porque é unha cuestión de dignidade e de xustiza»

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia únese ao chamamento colectivo para que España ratifique o Convenio 190 da Organización Internacional do Traballo (OIT) sobre a eliminación da violencia e o acoso no mundo do traballo. O documento, aprobado en 2019, entrará en vigor mañá venres, 25 de xuño. Non será o caso, porén, do Estado español, xa que o Goberno aínda non o ratificou. Por esta razón, CCOO promoverá durante a xornada do venres —extensiva á fin de semana— unha acción nas redes sociais instando a #RatificarC190.

24/06/2021.
CCOO chama a #RatificarC190

CCOO chama a #RatificarC190

Para o sindicato é unha «necesidade urxente» a ratificación do Convenio 190 polo que representa para as relacións laborais, ao ser o «primeiro instrumento internacional que trata o acoso e a violencia dunha maneira ampla». En palabras da secretaria de Muller, Igualdade e Políticas LGTBI de CCOO de Galicia, Mamen Sabio, «a ratificación do Convenio 190 significa situarse a carón das vítimas; o Goberno non pode mirar para outro lado porque é unha cuestión de dignidade e de xustiza». 

Neste documento recoñécese o dereito de toda persoa a un mundo do traballo libre de violencia e acoso, incluídas a violencia e o acoso por razón de xénero. Daquela, ponse de manifesto que o traballo «sempre ha estar baseado no respecto mutuo e a dignidade do ser humano, aspectos básicos na prevención da violencia e o acoso».

Segundo a concepción da OIT, o Convenio 190 aplicarase a todos os sectores e a todas as traballadoras e traballadores, independentemente da súa situación contractual, pois «o mundo do traballo é máis amplo ca o espazo físico, o que implica establecer mecanismos que eliminen e eviten a violencia e o acoso en todos aqueles lugares e situacións relacionadas».

Para CCOO, o Convenio 190 é «un cambio de paradigma»: as empresas terán que cambiar a acción preventiva e formativa, á vez que implica un reforzo das organizacións sindicais tanto nas mesas de negociación como na acción nas empresas. A súa ratificación significaría «un apoio inmenso á negociación dos plans de igualdade», que se verán reforzados na negociación de medidas destinadas a eliminar o acoso sexual e por razón de sexo. Tamén suporía un «apoio moi importante» para a realización das avaliacións de riscos, nas cales as medidas destinadas a eliminar os riscos psicosociais «terán que ocupar un lugar destacado».

O Convenio 190 da OIT protexe as persoas traballadoras fronte a calquera comportamento ou práctica que cause ou sexa susceptible de causar un dano físico, psicolóxico, sexual ou económico; protexe especialmente as persoas con máis risco de violencia e acoso (traballadoras, persoas LGTBI+, racializadas, migrantes e pertencentes a comunidades indíxenas); protexe as persoas traballadoras sexa cal for o seu vínculo contractual ou situación laboral; esixe a adopción de medidas para erradicar a violencia e o acoso en traballos máis expostos (como o nocturno ou o que se realiza illadamente).

Por último, o Convenio 190 obriga a implementar políticas que aborden a violencia e o acoso e a garantir medios de inspección e investigación efectivos de todos os casos, así como a desenvolver ferramentas e accións de formación e sensibilización.