Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Abril 2024.

CCOO lamenta o falecemento do compañeiro Xaquín Álvarez Corbacho, colaborador activo do sindicato e da súa fundación

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia lamenta o falecemento, aos 79 anos, do compañeiro Xaquín Álvarez Corbacho, colaborador «moi activo» do sindicato e da Fundación 10 de Marzo durante décadas. Doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Compostela, Xaquín «sempre puxo desinteresadamente o seu coñecemento e prestixio académico á disposición do sindicato e da sociedade galega», salientan desde o sindicato.

    23/06/2021.
    Participación de Xaquín Álvarez Corbacho nunha das moitas xornadas organizadas pola Fundación 10 de Marzo de CCOO

    Participación de Xaquín Álvarez Corbacho nunha das moitas xornadas organizadas pola Fundación 10 de Marzo de CCOO

    O seu compromiso coa loita pola democracia e contra a ditadura levouno a ser o primeiro alcalde democrático no Grove, polo PCG, desde o ano 1979 ata 1981. Nos anos oitenta conseguiu a Cátedra de Facenda Pública da USC, da cal sería vicerreitor de asuntos económicos.

    Posteriormente, exerceu a súa tarefa docente na Universidade da Coruña como catedrático de Economía Aplicada, sempre coa inquedanza propia do compromiso político que o leva a ser designado membro do Consello de Contas de Galicia.

    Nesa vocación pedagóxica e comprometida sempre amosou «unha especial dispoñibilidade e xenerosidade na colaboración con Comisións Obreiras no que el sabía facer ben, impartindo ensinanzas nos foros da nosa organización», indican desde a Fundación 10 de Marzo de CCOO. Exemplo do seu maxisterio son as súas colaboracións, entre outros, nos libros colectivos Os problemas dos concellos. O pacto local ou Reforma do financiamento autonómico: perspectivas dende Galicia, editados pola Fundación.

    Premios 10 de Marzo

    En recoñecemento á súa traxectoria, a Fundación 10 de Marzo e o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia distinguírono en 2013 cun dos Premios 10 de Marzo que entregan anualmente a persoas significadas na loita polas liberdades e en defensa da clase obreira.