Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

As reivindicacións polo futuro das Pontes chegan á sede da Xunta

  • José Hurtado, secretario comarcal de CCOO de Ferrol: «Fálase de proxecto, proxecto, proxecto, pero non temos proxecto ningún enriba da mesa»

As traballadoras e traballadores de Endesa-As Pontes levaron hoxe as súas reivindicacións ata a sede da Xunta de Galicia. Diante do complexo administrativo de San Caetano tivo lugar unha concentración para visibilizar a problemática tanto do persoal da central térmica como das industrias auxiliares e dos transportistas.

17/06/2021.
Concentración do persoal da térmica das Pontes e das industrias auxiliares diante da sede da Xunta de Galicia (17/6/2021)

Concentración do persoal da térmica das Pontes e das industrias auxiliares diante da sede da Xunta de Galicia (17/6/2021)

José Hurtado, secretario comarcal de CCOO de Ferrol, atendeu os medios de comunicación minutos antes de comezar a protesta. Explicou que aos traballadores e traballadoras se lles acaba o tempo este mes.

«Temos un acordo de mantemento de cadro de persoal ata o 30 de xuño e estamos agardando un convenio de transición xusta. Pero a semana pasada, Endesa comunicounos que comezará a despedir xente a partir do 30 de xuño para quedar co mínimo de persoal», denunciou o dirixente sindical.

Segundo as previsións de Endesa, dos aproximadamente 150 traballadores e traballadoras da industria auxiliar, quedaría só a terceira parte, entre 40 e 50. Ante esta situación, «o que temos que preguntarlles á Xunta de Galicia e ao Ministerio é que pasa coas Pontes. Isto non é unha transición xusta se queda todo o emprego atrás», reprochou Hurtado.

«Fálase de proxecto, proxecto, proxecto, pero non temos proxecto ningún enriba da mesa», censurou o secretario comarcal de CCOO. «Endesa alega que a Xunta non a apoia cos parques eólicos e que por iso abandona As Pontes. Mentres, o Ministerio dá a resposta do mudo», lamentou Hurtado.

Por último, o secretario comarcal de CCOO de Ferrol lembrou que hai xa quince días que pediron unha xuntanza tanto cos ministerios implicados como coa Xunta de Galicia, «pero non nos responderon, tamén por iso estamos hoxe aquí», concluíu.