Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

O persoal da planta de residuos de Lousame pide certezas sobre o seu futuro

    O comité de FCC, empresa concesionaria da planta de residuos de Lousame, concentrouse o martes en Porto do Son con motivo da xunta extraordinaria da Mancomunidade da Serra do Barbanza. Coa protesta, as traballadoras e traballadores amosaron a súa preocupación ante diversas filtracións que apuntaban a un posible cambio no modelo de xestión e o seu impacto no emprego.

    16/06/2021.
    Concentración do persoal de FCC de Lousame (15/6/2021)

    Concentración do persoal de FCC de Lousame (15/6/2021)

    Nesta xunta produciuse unha remuda á fronte da Mancomunidade, pois remataba o mandato de Luis Oujo, alcalde sonense do PP. Corresponderíalle substituílo ao socialista Pablo Lago, rexedor de Brión, pero aduciu motivos persoais para non asumir a responsabilidade, que recaeu no seu compañeiro de partido, Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota.

    Desde CCOO do Hábitat agradecen que a Mancomunidade aceptase recibir a representación legal dos traballadores e das traballadoras, tanto antes da xunta extraordinaria como ao remate.

    Segundo CCOO do Hábitat, a Mancomunidade manifestou que, polo momento, non pediu estudo ningún para cambiar o modelo de xestión. Non obstante, o novo presidente confirmou que, rematando a concesión de FSCC no 2023, cabería a posibilidade de prorrogar a concesión ata cinco anos —o máximo permitido pola lei—, período no que si se poderían estudar outros modelos que fagan viable a planta e garantan os postos de traballo.

    Desde o comité de empresa pediron unha xuntanza formal co novo presidente da Mancomunidade nos próximos quince días para poder dar certezas sobre unha planta que dá traballo a case 140 persoas.