Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

A Audiencia Nacional obriga a Kidsco Balance a recoñecer os dereitos das traballadoras das escolas infantís de Defensa

    A Audiencia Nacional obriga a empresa Kidsco Balance, que en Galicia ten adxudicada a xestión da Escola Infantil Grumete, a lle recoñecer ao seu persoal o dereito a ser retribuído conforme as táboas salariais dos centros de educación infantil de xestión indirecta, ao teren a concesión desde o Ministerio de Defensa.

    15/06/2021.
    Escola infantil Grumete, en Ferrol | Foto: Kidsco.es

    Escola infantil Grumete, en Ferrol | Foto: Kidsco.es

    A sentenza, datada o 8 de xuño, é inequívoca e dálle a razón a CCOO, que denunciara a empresa Kidsco Balance nos tribunais:

    «Estimar a demanda de conflito colectivo formulada por Federación de Ensino de Comisións Obreiras, fronte a Kidsco Balance, S. L., recoñecéndose o dereito do persoal que presta servizos contratado pola demandada nos centros de traballo correspondentes aos centros de educación infantil do Ministerio de Defensa, a que se lles retribúa de conformidade cos importes e conceptos sinalados nas “Táboas desde 01/09/2020 ata 31/08/21” do Apartado A do “Anexo II Táboas salariais Centros de Educación infantil de xestión indirecta” do XII Convenio Colectivo de Ámbito Estatal de Centros de Asistencia e Educación Infantil». 

    Ademais, condenan a empresa demandada a aplicar a corrección salarial de inmediato e aboar os atrasos polas diferenzas xeradas máis os xuros que fixa o artigo 29.3 do Estatuto dos Traballadores.

    Na práctica, as 13 traballadoras da Escola Infantil Grumete de Ferrol verán equiparados os seus salarios aos dos outros empregados de centros infantís de xestión indirecta e percibirán os atrasos que lles correspondan. 

    Cómpre salientar o esforzo que está a facer CCOO por corrixir a situación de precariedade laboral das compañeiras e compañeiros de moitos centros educativos e sinalar que seguiremos adiante na denuncia de actuacións indignas e indignantes de empresas como Kidsco Balance, ás que a Xustiza obriga a rectificar.