Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Abril 2024.

Rexeitamento nas rúas ao proxecto de universidade privada

    A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, da que forma parte CCOO, convocou o sábado, 12 de xuño, unha manifestación de ámbito nacional para rexeitar o proxecto de universidade privada que promove Abanca co apoio da Xunta de Galicia. Na cabeira da manifestación participaron a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, e os seus homólogos de UGT e CIG.

    13/06/2021.
    Manifestación contra a universidade privada e en defensa do sistema público (Santiago de Compostela, 12/6/2021)

    Manifestación contra a universidade privada e en defensa do sistema público (Santiago de Compostela, 12/6/2021)

    As organizacións sindicais, profesionais e estudantís que conforman a Plataforma reafirman a súa crítica ao proceso iniciado polo goberno de Feijóo, contra a opinión das tres universidade públicas —que conxuntamente se pronunciaron na defensa do carácter público dos estudos superiores.

    CCOO-Ensino defende que non é necesaria unha universidade privada, pois a ampla oferta académica do sistema universitario galego —cunha notable especialización nos diferentes campus— responde perfectamente á demanda existente e, onde non chega, «é simplemente polas limitacións fixadas pola propia Xunta de Galicia».

    Ao remate da manifestación, as organizacións sindicais rexeitaron que a universidade sexa tratada como «unha mercadoría». Luz López, secretaria xeral de CCOO-Ensino, cualificou de «contradición» que a Xunta de Galicia impida que as univerisades públicas dupliquen titulacións, mentres «outorga manga ancha» a un centro privado.