Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Un traballador da TVG presenta unha demanda por acoso por razón de orientación sexual

    O traballador da TVG Fito Ferreiro interpuxo unha demanda ante o Xulgado do Social número 2 de Santiago de Compostela pola situación de acoso que leva sufrindo desde hai anos pola súa «actividade sindical, política e, de forma especial, pola súa orientación sexual, por ser homosexual». Irá a xuízo o próximo 15 de xuño. Antes de chegar aos tribunais, Ferreiro mandara un escrito á Dirección de Recursos Humanos do ente público e interpuxera unha denuncia previa ante a comisión de acoso da CRTVG.

    08/06/2021.
    Bandeira LGTBI | Foto: Wikimedia Commons

    Bandeira LGTBI | Foto: Wikimedia Commons

    «Fago pública esta situación de acoso e LGTBIfobia para visibilizar a hostilidade que sufrimos as persoas LGTBI no noso ámbito laboral. E para animar a todas as persoas que sofren acoso por LGTBIfobia no traballo a que manifesten o seu problema». Ferreiro, reporteiro gráfico na TVG, sinala que un 70 % das persoas LGTBI sufriron situacións de acoso no ámbito laboral e un 60 % foron rexeitadas polos seus compañeiros e compañeiras, pero só un 10 % se atreve a denuncialo.

    Ferreiro afirma que comezou a vivir este acoso a partir de 2005, cando se aprobou a lei de matrimonio igualitario e principiou a súa exposición pública con entrevistas en diferentes medios de comunicación. Xusto nese momento, a TVG deixou de envialo a facer reportaxes, viaxes e eventos especiais, algo que facía con asiduidade até entón, denuncia.

    Foi destinado ao Telexornal Mediodía e encomendábanselle só noticias das denominadas «de cor», informacións secundarias que ían desde o número 27 cara abaixo na escada dos informativos.

    Desde ese ano 2005 tamén deixaron de encargarlle substitucións por enfermidade e vacacións na delegación da Coruña da TVG —que viña realizando desde finais dos noventa—. Nos últimos anos, o traballador tramitou diferentes peticións de traslado urxente á dita delegación para coidar do seu pai (cunha dependencia do 69 %), sen recibir resposta; nese período, oito reporteiros gráficos coma el foron asignados a ese departamento territorial.

    Na súa denuncia, Ferreiro conta co apoio de CCOO, FELGTB e ALAS-A Coruña. Mary Rodríguez, da Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO de Galicia, afirma con rotundidade que «non permitiremos que se menoscaben os dereitos de ningunha persoa, nin tampouco consentiremos a discriminación, acoso ou rexeitamento ás persoas LGTBI, especialmente no ámbito laboral».