Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

«Desastrosa» xuntanza da mesa de transición xusta das Pontes

    Os sindicatos CCOO, UGT e CIG cualifican de «desastrosa» a xuntanza da mesa de transición xusta das Pontes, reunida o 2 de xuño. Critican que non se garantiron nin o mantemento de emprego na industria auxiliar, nin a paralización dos traslados da empresa principal alén do 30 de xuño. Este último foi un compromiso ao que se chegara tras continuas mobilizacións «e agora xa está en cuestión», denuncian.

    03/06/2021.
    Traballadores das auxiliares de Endesa esixen solucións (27/5/2021)

    Traballadores das auxiliares de Endesa esixen solucións (27/5/2021)

    Segundo os tres sindicatos, na xuntanza «vimos e padecemos» a confrontación entre o Ministerio de Transición Ecolóxica, a Xunta de Galicia e Endesa no que se refire ao proxecto de biocombustibles.

    Neste sentido, critican que, despois de ano e medio con probas e cando na reunión de xaneiro se quedara en concretar o proxecto «en quince días», se atoparon cunha proposta presentada polo Goberno galego a noite anterior á reunión. Nela, pídese unha prima de trinta euros por megavatts/hora para facer viable o proxecto

    Os sindicatos coidan «irresponsable» a actitude da Administración galega, que «só busca poñerlles deberes» ao Ministerio e Endesa, sen asumir compromisos, «nin sequera a presentación dunha proposta empresarial alternativa a Endesa».

    CCOO, UGT e CIG tamén critican a postura do Ministerio e de Endesa que, alegando o trámite ordinario de impacto ambiental para o peche formal da térmica —que prolonga os prazos da súa execución—, «se poñan de perfil e non acheguen ningunha solución, só o silencio, ante o inminente e demoledor impacto que vai ter no emprego». Con estas actitudes, «non temos transición xusta, nin se mantén a consigna de non deixar ninguén atrás».

    Os sindicatos esixen medidas «inmediatas» para garantir unha transición xusta e o mantemento dos postos de traballo durante todo o proceso administrativo. Tamén instan as Administracións a que «se deixen de anuncios e concreten proxectos de futuro reais», porque a partir do 30 de xuño «estamos na maior das indefensións».