Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Abril 2024.

Carrefour deberá adaptarlle a xornada a un traballador de Lugo e indemnizalo polos danos morais ocasionados

    Grazas á acción dos servizos xurídicos de Comisións Obreiras, Centros Comerciales Carrefour, S. A. deberá adaptarlle a xornada a un traballador de Lugo e indemnizalo con 2700 euros polos danos morais ocasionados. Así o determina o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que desestimou o recurso de suplicación formalizado pola empresa.

    02/06/2021.
    Proximidades do centro comercial Carrefour de Lugo | Foto: Google Street View

    Proximidades do centro comercial Carrefour de Lugo | Foto: Google Street View

    O alto tribunal galego ratifica, polo tanto, a sentenza ditada polo Xulgado do Social n.º 2 de Lugo o pasado mes de novembro, na que lle recoñecía ao denunciante o dereito a adaptar a xornada por razón de coidado de fillo ou filla menor de 12 anos. A decisión xudicial eximíao de prestar servizos os domingos, festivos e nos inventarios.

    Segundo CCOO, o TSXG xa ratificara en abril do 2020 outra sentenza favorable ao mesmo traballador, recoñecéndolle o dereito á redución de xornada e condenando a Carrefour á mesma compensación de 2700 euros polos danos morais.

    Comisións repróchalle á empresa que fora necesario acudir á xustiza para facer valer o artigo 34.8 do Estatuto dos traballadores, segundo o cal as persoas traballadoras teñen dereito a pedir a adaptación e distribución da xornada de traballo para conciliar a vida laboral e familiar ata que os fillos ou fillas teñan 12 anos.

    CCOO ofrece o seu asesoramento

    Por último, desde CCOO animan a todas as persoas nesta situación a que se poñan en contacto co sindicato para recibiren asesoramento e, se fose preciso, interpoñer a acción xudicial que corresponda.