Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO denuncia que a Xunta queira crear un «falso debate social» sobre o desempeño do persoal empregado público

    A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO de Galicia denuncia que a Xunta queira crear un «falso debate social» sobre a avaliación do desempeño profesional do persoal empregado público, en aplicación do Programa marco de integridade institucional e prevención de riscos de xestión (2021-2024), recentemente aprobado polo Goberno galego. Comisións apoia a dita avaliación «sempre que contribúa a mellorar e poñer en valor os servizos públicos», pero esixe negociar cos sindicatos criterios obxectivos e transparentes.

    02/06/2021.
    Sede da Xunta de Galicia | Foto: Google

    Sede da Xunta de Galicia | Foto: Google

    Desde CCOO lembran que a avaliación do desempeño está prevista na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no propio Estatuto básico do empregado público (EBEP) do ano 2007, polo que sempre a apoiaría «se contribúe a mellorar a progresión profesional e a poñer en valor os servizos públicos». Non obstante, para que o procedemento teña plenas garantías, Comisións esixe transparencia no modelo, con información suficiente ao persoal e control sindical; establecemento de parámetros obxectivos e medibles; e que as avaliacións as faga unha comisión independente, con posibilidade de contraste.

    Partindo destas premisas, o sindicato apoia a avaliación e mesmo que o resultado sexa de dominio público, «para que dunha vez por todas a poboación coñeza o nivel de eficiencia, eficacia e compromiso co que os empregados públicos desenvolven o seu traballo».

    Nos últimos anos, as empregadas e empregados públicos realizaron o seu labor nun contexto de recorte de cadros de persoal, privatización de servizos públicos, mantemento dunha Administración paralela e o uso fradulento de figuras como as encomendas de xestión. Malia este contexto adverso, e incluso malia a pandemia, o persoal público «foi quen de responder e de manter en pé todos os servizos esenciais para que a cidadanía puidese seguir facendo unha vida o máis normal posible, dentro das circunstancias adversas», sinala a FSC-CCOO.

    Por isto, CCOO critica que a Xunta de Galicia, no canto de poñer en valor este esforzo e dedicación, pretenda «someter a exame» o seu persoal e, por riba, sen contar coa representación legal dos traballadores e das traballadoras.

    Para a FSC-CCOO, a Xunta «empeza mal», facendo o anuncio a través dos medios de comunicación en vez de dirixirse primeiro aos sindicatos. Comisións tampouco considera «idóneo» o procedemento de avaliación, que consistirá no rexistro das tarefas de cada unidade administrativa para analizar as cargas de traballo. CCOO leva anos pedindo unha «avaliación seria» das unidades administrativas e da carga laboral cada vez que hai unha modificación das relacións de postos de traballo, entendéndoa como un «elemento de mellora dos procedementos e dos resultados», e non como un instrumento «coercitivo ou de imposición de sancións».

    Non obstante, o Programa marco porá riba da mesa unha das reclamacións de CCOO: a creación de órganos especializados e profesionalizados para a organización dos procesos selectivos derivados das ofertas públicas de emprego, para rematar co «caos» en materia de selección e provisión dos últimos anos. O Programa marco tamén debería servir para cambiar o modelo de xestión das entidades instrumentais gobernadas. Segundo CCOO, deberían situar á fronte persoal funcionario designado sobre a base dos criterios de igualdade, mérito e capacidade.