Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Abril 2024.

Xan María Castro, novo presidente da Fundación 10 de Marzo

    A Fundación 10 de Marzo é unha institución de carácter cultural creada polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, que ten entre os seus obxectivos principais promover a historiografía do mo-vemento obreiro e o fomento do estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais. Recentemente, foi designado como novo presidente Xan María Castro Paz (A Coruña, 1945), secretario xeral do sindicato entre os anos 2000 e 2009.

    17/05/2013.
    Xan María Castro

    Xan María Castro

    Cúmprense dous anos do15M, pero non se percibe unha alternativa compacta e solvente nin no Estado nin en Galicia. Como ves a situación?

    Nunha situación como a actual, de crise da política, o desgaste e a desafección afectan moito máis ás organizacións de esquerda, e creo que estas non son conscientes, xa que do contrario adoptarían outras vías para solucio-naren os seus problemas. En Galicia hai unha organización, AGE, que irrompeu con forza e se fixo con votos de protesta. A cuestión é se serán capaces de darlle continuidade e de entrar nunha fase máis propositiva.

    As políticas da Xunta para combater o paro ou a crise dos sectores industriais son ata certo punto etéreas e parece que gobernan a golpe de titulares e recortes de dereitos, nin sequera respondendo fielmente ao seu programa...

    Este Goberno pon o acento, sobre todo cando fala do seu balance, en que o que se logrou foi unha maior austeridade, ligada a unha política de recortes, que non de reformas. No caso das Administracións, o recorte pode ser como quitarmos as raíces dunha árbore, co que o efecto é moito peor que o que se pretende evitar. Non hai políticas claras de promoción do emprego, nin medidas ou xestos acordes á gravidade da situación.

    Coa que está a caer, como é que a única preocupación dos gobernos do PP sexa recortar dereitos e, en definitiva, deteriorar a calidade de vida?

    Houbo retrocesos moi graves, e en temas que a propia sociedade, que antes podía estar máis dividida, como na lei do aborto, estou convencido de que agora, incluso entre os votantes do PP, non entende esta volta atrás. Están levando a cabo o que pen-sa a parte máis extrema dentro do partido. No caso da lingua, máis ou menos había un consenso, pero reavivaron as posicións extremas.

    Centrándonos agora na Fundación, que aspectos pretendes potenciar máis?

    A F10M ten dúas áreas fundamentais: a da historia de CCOO e do movemento sindical, e a área socioeconómica. Canto á historia do movemento obreiro, a Fundación é referencia ineludible. Pola súa parte, a outra área, en comparación, presenta certo déficit, está menos traballada, a pesar de que se teñen feito moitos traballos e achegas. Precisamente, pola situación en que nos atopamos, queremos pór o acento no socioeconómico, pois a crise que padecemos sáese do concepto manexado en crises anteriores, das crises cíclicas que foron padecendo as sociedades capitalistas.

    Tanto polo contexto como polo déficit que sinalas nesta área, o primeiro ou un dos primeiros traballos que se divulguen terá como eixe a crise?

    Así é. Seguramente teremos algún debate –e recorreremos para isto a persoas cualificadas– para darmos resposta á pregunta de como atopar saída a esta situación e ao problema da falta de emprego. Pero non se tratará de nos limitarmos a queixarnos da situación, senón que tamén barallaremos propostas concretas que marquen unha liña para seguir e que se acabe con este fatalismo ao que nos teñen con-denados. «Europa pídenos isto», din, pero eu digo que «Europa non nos pide isto, Europa somos todos e o que nos están a pedir isto son os que agora gobernan nela, no Estado e Galicia, e é posible facer outras políticas».

    Entrevista publicada no Galicia Sindical dixital, n.º 40 (maio de 2013)