Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

CCOO esixe a continuidade de todo o persoal dos servizos auxiliares e de atención ao cliente de Renfe

    O sector Ferroviario de CCOO de Galicia, xunto a outras organizacións, participou esta mañá nunha concentración para esixir o mantemento do emprego nos servizos auxiliares e de atención ao cliente de Renfe, actualmente prestados por diferentes empresas privadas. Ducias de persoas protestaron nas escaleiras da estación do tren de Santiago de Compostela para reivindicar a subrogación das traballadoras e traballadores afectados.

    07/05/2021.
    Protesta na estación do tren de Santiago de Compostela para esixir a subrogación do persoal de servizos auxiliares e atención ao cliente de Renfe (7/5/2021)

    Protesta na estación do tren de Santiago de Compostela para esixir a subrogación do persoal de servizos auxiliares e atención ao cliente de Renfe (7/5/2021)

    Desde que o Grupo Renfe anunciou a posibilidade de asumir os traballos de servizos en terra e servizos auxiliares e de atención ao cliente a través da súa filial LogiRAIL, CCOO non deixou de esixir que o proceso garantise os postos de traballo e as condicións laborais, apostando polo emprego público sempre que non implique precarización.

    O sector Ferroviario de CCOO apoia esta internalización de cargas de traballo que agora prestan distintos operadores privados, xa que son actividades estruturais de Renfe e, polo tanto, han ser realizadas pola empresa pública. Porén, existen ferramentas legais para que isto non supoña un prexuízo para o persoal que ata o de agora vén realizando estas funcións.

    Obriga de subrogación

    A lexislación ampara a tese de CCOO. A propia Lei de contratos do sector público (LCSP) establece que no caso de que unha Administración pública decida prestar directamente un servizo que ata a data viña sendo prestado por un operador económico, estará «obrigada á subrogación do persoal que o prestaba se así o establece unha norma legal, un convenio colectivo ou un acordo de negociación colectiva de eficacia xeral». Segundo Comisións, o artigo 11.º do IV Convenio colectivo sectorial de servizos externos auxiliares e atención ao cliente dispón esa obriga de subrogación que defende o sindicato.

    Porén, a filial de Renfe optou por publicar unha convocatoria estatal de ingreso de persoal que significaría unha redución de persoal: oferta 1408 prazas indefinidas —993 a tempo completo e 415 a tempo parcial— e a creación dunha bolsa temporal de 301, malia que actualmente son 1478 persoas indefinidas —1135 a tempo completo e 343 a tempo parcial—. Segundo CCOO, todas as prazas ofertadas en Galicia, agás unha, son de xornada parcial.

    Ademais do recorte de persoal con contratos indefinidos, a pretensión de Renfe tamén implicaría maior precarización, xa que aumentan as xornadas parciais. Para o sindicato, unha decisión que debería ser positiva non pode representar destrución ou precarización de emprego, máxime cando estamos a falar dunha empresa pública. Por esta razón, CCOO esixe o inicio dun proceso de subrogación «para que non quede ninguén atrás».