Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO alerta do abandono do mercado laboral e pídelle á Xunta medidas de apoio aos sectores produtivos

  • O sindicato advirte da elevada precariedade laboral, pois en abril rexistráronse vinte contratos por cada emprego creado, o que dá idea da «escasa duración» que tiveron

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) alerta do abandono do mercado laboral galego. Segundo os datos do paro rexistrado do mes de abril, o paro diminuíu en 9941 persoas, pero a afiliación á Seguridade Social só se incrementou en 3260. Isto significa que a diferenza (6681) son galegas e galegos que «desistiron de atopar traballo no noso país ante a falta de expectativas», sinala a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza.

05/05/2021.
No mes de abril formalizáronse vinte contratos por cada emprego creado

No mes de abril formalizáronse vinte contratos por cada emprego creado

Así mesmo, a sindicalista advirte da elevada precariedade laboral. En abril rexistráronse 65 622 contratos, aproximadamente vinte por cada un dos 3260 empregos creados, «o que dá idea da súa escasa duración», apunta Bouza.

A secretaria de Emprego de CCOO pídelle á Xunta que «tome nota» e salienta que agora «é o momento» de facer políticas de apoio aos sectores produtivos da súa competencia. «Cómpre acompasar a recuperación sanitaria coa económica e que estes datos conxunturais se poidan consolidar nun cambio estrutural da tendencia do emprego», conclúe.

Análise paro rexistrado

No mes de abril había 9941 persoas menos rexistradas nas oficinas do Servizo Público de Emprego que no mes de marzo (-5,50 %) e 20 851 menos que un ano antes (-10,88 %). Malia que a evolución foi máis favorable ca na media estatal, tanto na comparación mensual coma na anual, a cifra de persoas paradas en Galicia segue sendo moi elevada: 170 778 persoas paradas, das cales o 57,86 % son mulleres. 

No último mes, o desemprego redúcese menos entre as mulleres (5043 paradas menos, -4,86 %) ca entre os homes (4898 parados menos, -6,37 %). Por grupos de idade, o maior descenso dáse nas persoas menores de 25 anos (1106 persoas paradas menos, -13,83 %) fronte ás de máis idade (8835 persoas paradas menos, -5,12 %). 

Por sectores, diminúe en todos, pero de xeito especial nos servizos (-6839). A seguir sitúanse a construción (-771), o sector primario (-468) e a industria (-455). Tamén hai unha mingua no colectivo sen emprego anterior (-1408).

Análise da contratación

En abril rexistráronse en Galicia 65 622 contratos, dos cales 58 159 foron temporais. Isto é, once de cada cen contratos foron indefinidos. En termos mensuais, a contratación temporal medra un 10,19 %, mentres que a indefinida baixou un 19,07 % (5376 contratos temporais máis fronte a 1758 contratos indefinidos menos). 

Afiliación á Seguridade Social

Os datos da afiliación á Seguridade Social reflicten que en Galicia se creou menos emprego ca na media estatal, tanto en termos mensuais como anuais. No último mes, a afiliación media mensual sobe en 3260 persoas en Galicia (un incremento do 0,33 % fronte a un aumento do 0,71 % na media estatal), situando o número de persoas traballadoras afiliadas lixeiramente por riba do millón (1 001 994).

Prestacións por desemprego

En marzo —último dato dispoñible— cobraron algún tipo de prestación por desemprego 106 540 persoas; delas, 51 538 foron prestacións contributivas e 47 585, subsidios.

Unha parte das prestacións contributivas seguen correspondendo ao mecanismo dos ERTE, garantía de mantemento de emprego acordado entre os axentes sociais e o Goberno central, que ao remate de abril daba cobertura a 26 998 persoas (7761 menos ca en marzo). Por tipoloxía de expediente, 2801 en ETOP —causas económicas, técnicas, organizativas ou produtivas—, que son 66 menos ca no mes anterior; 5244 de forza maior (-712) e 18 953 nos de limitación ou impedimento (-6983).