Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

O comité de folga da limpeza de edificios da provincia da Coruña estende os paros á Xunta, o Parlamento, o Valedor e a USC

  • Malia que nestes centros de traballo contan con acordos de empresa, veríanse prexudicados pola pretensión da patronal de recortar artigos do convenio provincial

O comité de folga do sector de limpeza de edificios e locais da provincia da Coruña, composto por CCOO, UGT e CIG, anunciou hoxe que estende a convocatoria dos días 11 e 12 de maio aos centros de traballo da Xunta de Galicia, Parlamento, Valedor do Pobo e Universidade de Santiago de Compostela. Isto supón incluír nos paros entre 350 e 400 traballadores e traballadoras máis, que se suman aos case dez mil que xa estaban chamados á folga.

04/05/2021.
De esquerda a dereita, Manuel Carreira (UGT), Paulo Rubido (CIG) e Ricardo Santos (CCOO)

De esquerda a dereita, Manuel Carreira (UGT), Paulo Rubido (CIG) e Ricardo Santos (CCOO)

Os voceiros de CCOO, Ricardo Santos, UGT, Manuel Carreira, e CIG, Paulo Rubido, lembraron que o groso do sector está integrado por mulleres, con contrato maioritariamente de tempo parcial e con salarios tan baixos «que poderían acabar por baixo do salario mínimo interprofesional se o Goberno do Estado o aumenta».

A extensión da folga débese a que nestes centros de traballo, malia contaren con pactos de equiparación, o persoal veríase prexudicado por artigos que pretende recortar a patronal provincial. De feito, se non se achegan posturas, haberá novas convocatorias de folga que, neste caso, incluirán tamén o persoal de limpeza dos hospitais das áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Santiago-Barbanza.

O secretario de Comunicación da Federación de Construción e Servizos de CCOO, Ricardo Santos, explicou que o persoal que presta servizos nos centros de traballo da Administración pública «participará activamente nas folgas», porque perderán dereitos coa proposta da patronal.

Santos fixo fincapé na xubilación parcial, porque nestes centros de traballo o persoal ten abonda antigüidade na empresa e cotizacións sociais para poder acceder a esta modalidade de xubilación que a patronal quere suprimir.

Subrogación dos reforzos covid

Por último, o voceiro de CCOO tamén anunciou que se vai solicitar unha reunión coa Consellaría da Presidencia ante a pretensión da Xunta de Galicia de non subrogar o persoal contratado como reforzo para as tarefas de prevención contra a covid-19. Santos lembrou que o convenio de aplicación obriga á subrogación das traballadoras e traballadores con, polo menos, catro meses de antigüidade no posto de traballo.