Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

A saúde no traballo, unha prioridade social

    Hoxe, 28 de abril, é o Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo. É a data en que máis visibles se fan as nosas reivindicacións nesta materia, pero o labor de concienciación non se pode limitar só a un día. Os altos índices de sinistralidade laboral que rexistramos en Galicia e no conxunto do Estado énchennos de razón cada vez que reivindicamos máis investimento en cultura preventiva e na xeración de emprego estable e de calidade.

    28/04/2021. Roi Fernández, secretario de Acción Sindical e Saúde Laboral
    Roi Fernández, secretario de Acción Sindical e Saúde Laboral de CCOO

    Roi Fernández, secretario de Acción Sindical e Saúde Laboral de CCOO

    Desde CCOO observamos que hai unha relación directa entre a temporalidade e unha maior sinistralidade: as persoas asalariadas cun contrato temporal sofren máis do 40 % dos accidentes laborais, malia representaren o 24 % do total da poboación traballadora por conta allea. No mesmo sentido, teñen menos accidentes as persoas con maior antigüidade na empresa ou no posto de traballo.

    Estes datos son ben elocuentes e indican un camiño claro de medidas que se deben adoptar para reducir de forma considerable o número de sinistros, comezando por baixar a rotación no emprego.

    Debido á pandemia, no 2020 descendeu con forza o número total de accidentes de traballo. Esa diminución concentrouse fundamentalmente nos sinistros leves (–24,56 %); os graves xa se reduciron en menor proporción (–19,62 %), mentres que os mortais se mantiveron case nos mesmos parámetros (–3,7 %, só dúas persoas falecidas menos).

    Non podemos tratar estes datos de maneira illada, porque en España a evolución da sinistralidade é similar á que constatamos en Galicia. Por esta razón, cómpre actualizar a lei de prevención de riscos, pero tamén establecer mecanismos de control que garantan que en todo o noso tecido produtivo se cumpra de maneira estrita a normativa de prevención de riscos. Sen dúbida, isto reduciría significativamente a mortalidade laboral.

    As enfermidades profesionais tamén son un problema grave da clase traballadora. Todas as persoas temos dereito a unha xubilación digna, pero ata chegar a ela cómpre que o traballo non dane a nosa saúde mentres estamos en activo. Aquí queda aínda moito camiño que andar; xa demos algún paso, pero non abonda.

    Para poder traballar en prevención de riscos laborais no tecido produtivo, o primeiro é coñecer os riscos e súas consecuencias na saúde. Esta tarefa resulta imposible se non hai un recoñecemento rigoroso de todas as doenzas que teñen orixe laboral. As administracións públicas, coa colaboración dos axentes sociais, deben crear mecanismos para que este grave problema aflore en toda a súa dimensión.

    Do mesmo xeito que a saúde se converteu no eixe central de toda a actividade social no 2020 por mor da pandemia da covid-19, a saúde tamén ten de ser o eixe central no mundo do traballo. Todos os días deben ser 28 de abril, todos os días deben estar a seguridade e saúde no traballo na axenda das administracións públicas, dos axentes sociais, dos medios de comunicación e da clase traballadora.