Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

Primeira xornada de folga pola dignidade do sector da limpeza de edificios da Coruña

  • Se a patronal non rectifica, os paros volverán os días 11 e 12 de maio

O sector da limpeza de edificios da provincia da Coruña mobilizouse hoxe pola súa dignidade laboral nunha xornada de folga convocada por CCOO, UGT e CIG. Os sindicatos tomaron esta decisión polo «bloqueo» das negociacións do convenio. Despois de sete meses de xuntanzas para renovalo, as posicións continúan moi afastadas pola «teima» da patronal en conxelar os salarios, malia o aumento da carga de traballo pola aplicación dos protocolos covid.

22/04/2021.
Folga no sector da limpeza de edificios da provincia da Coruña (22/4/2021)

Folga no sector da limpeza de edificios da provincia da Coruña (22/4/2021)

A patronal ofrece conxelar os soldos en 2020 e unha «ridícula» suba do 1% en 2021. Os sindicatos esixen un 1,5 e un 2 %, respectivamente.

A secretaria xeral da Federación de Servizos de CCOO, Alejandra Gesto, estima nuns 8500 euros anuais o que cobran de media as mulleres da limpeza, nun sector altamente feminizado e «dos máis precarizados do mundo laboral», con abuso da contratación a tempo parcial. A media retributiva, incluíndo os homes —que na maior parte si teñen contratos a tempo completo—, sobe a uns 14.000 euros ao ano.

Todo isto, malia que prestan un servizo «esencial», como se puxo de manifesto durante a pandemia. Ante esta actitude empresarial, a voceira de CCOO coida imprescindible ir á folga, «por dignidade», e advirte que os paros se repetirán os días 11 e 12 de maio se non se produce unha rectificación da patronal.