Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO reuniuse co alcalde de Rianxo para tratar os pregos de contratación do servizo de axuda no fogar

    A Federación de Construción e Servizos de CCOO reuniuse hoxe co alcalde de Rianxo para tratar os pregos de contratación do servizo de axuda no fogar (SAF) deste concello barbanzán. Na xuntanza, Adolfo Muíños comprometeuse a que todo o persoal, 25 traballadoras, será subrogado no concurso público que se anunciará antes de rematar o ano. Desde CCOO expuxeron os seus criterios sobre as principais cuestións económicas e sociais que debería tratar a licitación, especialmente no que atangue ao valor hora do traballo realizado.

    15/03/2021.
    CCOO reuniuse hoxe co alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños

    CCOO reuniuse hoxe co alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños

    Neste sentido, Muíños explicou que un dos problemas que teñen concellos do tamaño de Rianxo é a exigua achega económica da Xunta, de 9,7 euros/hora. Para CCOO, é unha cifra «escasa», xa que o valor mínimo para garantir que se cumpran as condicións laborais que determina o convenio é de 18,5.

    O rexedor rianxeiro apuntou que están en conversas coa Deputación da Coruña para que a institución provincial poida axudar a cubrir o importe restante, dadas as limitacións orzamentarias do municipio. A Federación de Construción e Servizos de CCOO seguirá en contacto coas diferentes Administracións para garantir un valor hora «xusto» que garanta unhas condicións «dignas» para as traballadoras do SAF.

    Por último, CCOO de Construción e Servizos agradécelle ao alcalde de Rianxo a «boa disposición» amosada na reunión e agarda que outros concellos «sigan o exemplo e acepten reunirse connosco» antes de elaboraren os pregos de contratación. Segundo o sindicato, «se todos os concellos se reunisen connosco, poderíase en boa medida evitar litixiosidade posterior», e apunta o caso do conflito que xurdiu o ano pasado co SAF de Santiago de Compostela, cuxa tramitación paralizou o Tribunal de Contratación Pública tras a denuncia formulada por Comisións Obreiras.