Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

CCOO e o feminismo galego tomaron as rúas o 8M

  • Galicia enteira acolleu ducias de concentracións e manifestacións que se desenvolveron respectando estritamente as medidas de seguridade fronte á covid-19

A plataforma Galegas 8M, da que forma parte o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, convocou ducias de concentracións e manifestacións este 8 de marzo para esixir a fin das desigualdades que prexudican as mulleres. Todas as mobilizacións se desenvolveron respectando estritamente as medidas de prevención fornte á covid-19, como o uso obrigatorio da máscara e a distancia de seguridade.

08/03/2021.
Compañeiras de CCOO na manifestación do 8M na Coruña (8-3-2021)

Compañeiras de CCOO na manifestación do 8M na Coruña (8-3-2021)

A xornada reivindicativa comezou ás 12 horas, con concentracións fronte aos locais de CCOO en Galicia e ás portas das principais empresas. Diante da sede nacional do sindicato, a secretaria de Muller e Igualdade, Mamen Sabio, e o secretario xeral, Ramón Sarmiento, fixeron un chamamento público a secundar as convocatorias de Galegas 8M.

Sabio e Sarmiento incidiron en que o agravamento das desigualdades «carga de razóns» o movemento feminista para mobilizarse este 8M. A secretaria de Muller e Igualdade lembrou que as mulleres seguen representando a «inmensa maioría» da poboación que abandona o mercado de traballo para asumir os coidados familiares, concretamente o 87,9 %. «Necesitamos acabar cos salarios de miseria, que haxa maior flexibilidade na xornada e que a corresponsabilidade sexa efectiva», sinalou.

«Somos esenciais; este país non se pode erguer sen contar connosco», enfatizou Sabio, e apuntou que, durante a pandemia, «fomos protagonistas nos servizos esenciais, pero iso non se reflicte nin na nómina, nin en dereitos».

O secretario xeral de CCOO, que participou na manifestación que Santiago de Compostela acolleu pola tarde, destacou que a clase traballadora galega, malia os momentos «tráxicos» vividos por mor da pandemia, «en ningún momento renunciou a manter abertos, de forma segura, todos e cada un dos espazos de mobilización».

Ramón Sarmiento advertiu que o movemento sindical se vai «seguir mobilizando e concentrando de forma segura» e apelou a seguir as indicacións dos servizos de orde nas diferentes convocatorias.