Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

CCOO sinala que o agravamento das desigualdades carga de razóns o feminismo para mobilizarse o 8M

  • As mulleres seguen representando a «inmensa maioría» da poboación que abandona o mercado de traballo para asumir os coidados familiares

A secretaria de Muller e Igualdade do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Mamen Sabio, afirma que o agravamento das desigualdades «carga de razóns» o movemento feminista para mobilizarse o 8 de marzo. Segundo a sindicalista, as mulleres seguen representando a «inmensa maioría» da poboación que abandona o mercado de traballo para asumir os coidados familiares, concretamente o 87,9 %. Este é un dos motivos polos que hai máis galegas ca galegos en idade legal de traballar, pero menos participando no mercado laboral.

04/03/2021.

URL | Código para insertar

Mamen Sabio, secretaria de Muller e Igualdade de CCOO

Mamen Sabio, secretaria de Muller e Igualdade de CCOO

No estudo Mulleres esenciais: situación sociolaboral das mulleres en Galicia 2020, CCOO sinala que a pandemia foi un dos grandes condicionantes por tras da asunción das tarefas dos coidados, en boa medida porque os ERTE afectaron especialmente a poboación feminina —representan seis de cada dez persoas nesta situación— e polas dificultades para a conciliación durante o confinamento.

O maior peso das mulleres nos ERTE ten a súa explicación en que un dos sectores con máis regulacións de emprego foi o da hostalaría —por mor das restricións sanitarias—, que é unha actividade das máis feminizadas.

A situación da hostalaría exemplifica ben a segregación horizontal no mercado laboral. As mulleres traballan mormente nos servizos e teñen máis presenza ca os homes en actividades como as sanitarias e de servizos sociais, educación ou hostalaría. En cambio, hai outras ramas en que a muller ten escasa presenza, como é o caso da construción ou a industria extractiva.

Porén, segundo o estudo de CCOO, tamén persiste a segregación vertical: as mulleres son maioría na categoría «ocupacións elementais»; as ocupacións seguen asentando nos roles tradicionais de xénero.

Entre os avances, Sabio destaca que as mulleres ocupan postos de traballo que requiren unha alta cualificación, é dicir, os técnicos e profesionais científicos e intelectuais. Representan o 54,8 % da poboación ocupada nesa categoría fronte ao 45 % dos homes; aínda así, en comparación cos outros anos, descendeu case catro puntos a ocupación feminina nesa categoría.

Máis precariedade feminina

A xornada parcial «ten unha clara marca de xénero», apunta a secretaria de Muller e Igualdade de CCOO: o 77 % das persoas que traballan a xornada parcial son mulleres. Esta xornada non é voluntaria na maioría dos casos. «A razón predominante para elixila é non atopar un traballo de xornada completa, como manifestaron o 57 % das ocupadas que se acolleron a esa xornada», explica Sabio. O seguinte motivo máis aducido é o coidado de menores ou de adultos enfermos, incapacitados ou maiores: o 98 % das persoas que traballan a xornada parcial por esa causa son mulleres.

Condicións deterioradas pola pandemia

O emprego e as condicións de vida das mulleres «estanse deteriorando por mor da pandemia, pero tamén polas desigualdades anteriores a esta situación», advirte Mamen Sabio, ao tempo que alerta de que «o fracaso das mulleres é o fracaso dunha sociedade». Por esta razón, reclama unha «política integral de coidados» que ha incluír a provisión de infraestrutura, o recoñecemento, redución e redistribución dos labores dos coidados dentro do fogar, así como campañas para a transformación cultural que promovan a redefinición dos roles e melloren a participación das mulleres no mercado laboral.