Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Abril 2024.

Convocan unha cazolada o venres polo bloqueo do convenio da limpeza de edificios da provincia da Coruña

    Os sindicatos CCOO, UGT e CIG convocan para o venres, 5 de marzo, unha cazolada diante das sedes de Eulen, Clece e da patronal da Coruña como paso previo a unha posible folga no sector provincial da limpeza de edificios. As tres organizacións denuncian que, malia o aumento da facturación debido ás tarefas de prevención contra a covid, as empresas pretenden empeorar as condicións laborais.

    01/03/2021.
    A protesta terá lugar cunha cazolada

    A protesta terá lugar cunha cazolada

    As mobilizacións no sector comezaron xa en xaneiro, coa visita dos Reis Magos para entregaren carbón na sede de Eulen, así como o rexistro dun escrito para responder a «infame» proposta da patronal do sector, que se resume en conxelación salarial e perda de dereitos.

    Posteriormente, os sindicatos denunciaron as principais empresas do sector polo incumprimento do artigo 8 do convenio vixente e, máis recentemente, unha caravana de vehículos fixo visibles as reivindicacións na cidade da Coruña.

    Concentracións

    Indicamos a seguir os lugares das concentracións do venres, todas elas na cidade da Coruña.

    — 11:30 h. Sede de Eulen. Estrada de Baños de Arteixo, 21 (polígono da Agrela-Bens)

    — 12:15 h. Sede de Clece. Avenida de Fisterra, 265 A

    — 13:00 h. Sede da Confederación de Empresarios da Coruña. Praza de Luís Seoane, 1

    Asembleas para decidir sobre a folga

    Segundo CCOO, UGT e CIG, para conseguir un convenio digno será «imprescindible» convocar folga no sector. Para este efecto, haberá asembleas de traballadores e traballadoras na Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela entre os días 15 e 17 de marzo.