Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO alerta de que as mortes no traballo non frean, malia a diminución da actividade provocada pola pandemia

  • Mentres que os accidentes de traballo leves e graves experimentaron diminucións por volta do 20 %, a sinistralidade grave mantívose case nos mesmos parámetros ca en 2019

Malia a diminución da actividade imposta pola pandemia, durante o ano 2020 non se produciu unha redución significativa dos accidentes laborais mortais en xornada de traballo. Así se desprende dos datos que acaba de publicar o Ministerio, que constatan unha pequena diminución do 3,7 %, pasando de 54 sinistros mortais en 2019 a 52 no ano que rematou.

12/02/2021.
#NonMáisMortesNoTraballo

#NonMáisMortesNoTraballo

Onde si se notou o impacto da minoración da actividade foi nos accidentes de traballo leves e graves. No primeiro caso, a diminución supera o 24,49 % (-7231 menos), pasando de 29.528 a 22.297. A porcentaxe de descenso é similar nos graves, que se sitúa no 20,17 % (-95), pasando de 471 a 376.

Para o secretario de Saúde Laboral de CCOO, Roi Fernández, «hai un problema de fondo» para que os accidentes de traballo mortais non se reduzan na mesma proporción ca os demais, especialmente tendo en conta a menor actividade que houbo durante o 2020 pola pandemia.

En comparanza co ano anterior, cada traballador e traballadora galega tivo máis posibilidades en 2020 de padecer un accidente con resultado de morte. No 2019 produciuse un sinistro mortal por cada 546 accidentes de traballo, mentres que no 2020 foi un cada 428. «Isto debe facernos reflexionar», apunta Fernández.

«Os datos indícannos que a sinistralidade mortal está moi enraizada e cómpre adoptar medidas urxentes para erradicala dos nosos centros de traballo», conclúe o sindicalista.